Rueda presenta en Poio o Plan Autonómico contra o acoso e ciberacoso escolar

Todos os centros de Primaria, Secundaria, Educacións Especiais e residenciais contarán co buzón do Punto Laranxa para denunciar anonimamente casos de abuso ► O presidente animou ao alumnado do CEIP Lourido a romper co bullying: "Non pode haber abusóns entre nós"
O presidente no CEIP Lourido. J. CERVERA
photo_camera O presidente no CEIP Lourido. J. CERVERA

Despois da recente aprobación do Plan integral autonómico contra o acoso e ciberacoso escolar, o pasado xoves, no Consello da Xunta, é o momento de dalo a coñecer nos centros. Este plan, unha das apostas para salvagardar aos menores en todos os centros educativos autonómicos dunha das lacras actuais, foi presentado en Poio no CEIP Lourido, cunha visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen contou co conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, así como coa directora xeral de Ordeación e Innovación Educativa, Judit Fernández Nóvoa, e o alcalde, Ángel Moldes.

O presidente, que foi recibido cunha actuación dos máis de 150 alumnos e alumnas e puido coñecer as instalacións do centro, escolleu falarlles directamente a eles para explicar a importancia desta nova ferramenta, que en cada centro será visible para nenos e nenas a través do buzón do Punto Laranxa para poder denunciar anonimamemte os casos ou posibles situacións de acoso.

"Non se pode romper a convivencia na escola", defendeu, para engadir que "todos temos dereito e ter un bo recordo da nosa educación" e que "cada un de nós é unha persoa diferente e non pode haber ninguén que abuse", engadiu, para explicar que unha destas situacións "pode tocarlle a calquera e, se iso sucede, hai que dicilo", de xeito que ao neno ou nena en cuestión se lle "explique que así non se vai a ningures".

Alfonso Rueda defendeu, á saída da súa intervención, a importancia da posta en marcha deste plan plurianual, que terá dúas anualidades de implementación: o curso 23-24 e o seguinte, antes da súa revisión, no ano 2025.

Uso de móbiles

 A filosofía será a de converter os centros en espazos seguros para a nenez no que todos os axentes implicados -escolares, mestres, equipo responsable de actuación ante o acoso e familias- conten con recursos para a resposta temperá ante posibles casos de abuso ou bullying escolar.

No mesmo centro, xa despois da presentación das principais liñas de actuación, o presidente sinalou que os centros galegos xa van por diante dos do resto de España nalgúns aspectos, como no caso do uso dos teléfonos móbiles. Así, mentras no resto do país se está abrindo o debate sobre os prexuizos do uso dos smartphones por parte dos nenos de curta idade, en Galicia, destacou, "agora mesmo non se permite nos centros, nas clases lectivas o uso dos teléfonos móbiles, salvo con finalidades pedagóxicas e con permiso, e agora mesmo está en debate o seu uso nos recreos, que está en mans dos centros escolares en diálogo cos pais. Ampliar a prohibición ten que ser un debate máis sosegado, pero, dende logo, está enriba da mesa".

Con respecto a outras tecnoloxías, como o uso de ordenadores propiciados polos centros escolares a través dos programas de Educación como o Edixgal, o presidente avogou pola defensa dun sistema do que, subliñou, "Galicia foi das comunidades autónomas que máis rapidamente e máis amplamente implantou as novas tecnoloxías na ensinanza pública", apostando polas posibilidades de formación que ofrece aos cativos e cativas.

"Non vou negar que as novas tecnoloxías tamén poden ser vía de entrada para estes casos", como os de ciberacoso, pero, sostivo, ante iso, son precisas as medidas de control efectivas como o plan recén presentado onte, "para previr as ameazas sen cortar as oportunidades que ofrecen".

Comentarios