Consenso e tranquilidade son as premisas coas que o PPdG está a analizar o seu futuro. Así o salientou este luns o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita ás obras do emisario submarino da ría de Pontevedra xunto á conselleira de Infraestruturas, Éthel Vázquez. Rueda valorou positivamente a celebración dun congreso e sinalou que o partido fará "unha proposta conxunta na que todos estaremos dacordo para facer as cousas ben". "O congreso sería unha boa decisión", salientou.
Preguntado sobre a sucesión na Presidencia da Xunta e do partido, Rueda matizou que se trata de "dous procedementos diferentes que se poden facer de maneira simultánea ou paralela" e reiterou as declaracións do todavía presidente da Xunta: "Será unha cousa previsible e ben feita".
Considerado como o principal candidato para suceder a Alberto Núñez Feijóo, o vicepresidente primeiro subliñou que "con independencia da opinión que teñamos cada un, chegaremos a mellor postura que creamos que sexa mellor, primeiro para Galicia. Estamos gobernando e temos que seguir gobernando. Isto é o principal e despois son as cuestións de partido". Malia todo, preguntado sobre se se vía como o futuro presidente da Xunta insistiu en que o partido está a falar internamente e asegurou: "Non me vexo absolutamente de nada".