Alfonso Rueda supervisa o avance dos traballos no edificio de Benito Corbal

A adxudicataria, a UTE Acciona-Ramírez, confirma que se cumplirán os prazos previstos e os traballos estarán no primeiro trimestre de 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, visitaros as obras do edificio de Benito Corbal. JOSÉ CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, visitaros as obras do edificio de Benito Corbal. JOSÉ CERVERA-MERCADILLO

Conta atrás para o edificio de Benito Corbal. A obra, que constitúe un dos principais proxectos da Xunta en Pontevedra nesta lexislatura, entra nunha segunda fase, logo de que se baleirase o interior e se anulasen todos os tabiques ata deixar totalmente diáfana cada planta, coa única presenza dos piares.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, xunto ó delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron esta semana as tarefas de reforma do edificio e coñeceron de primeira man a marcha dos traballos. Os representantes da adxudicataria, a UTE Acciona-Ramírez, confirmaron que se está a cumprir o calendario previsto e que as obras estarán rematadas no primeiro trimestre de 2019. A reforma foi adxudicada por algo máis de catro millóns de euros. Xunto ao estudo previo, a redacción do proxecto, a auditoría enerxética e as direccións facultativas, o investimento global ascende a case 4,3 millóns de euros.

USO DOS ESPAZOS. O obxectivo é contar no centro de Pontevedra cun espazo moderno, cómodo, accesible e versátil. Os case 6.000 metros do edificio albergarán no baixo e nas súas dúas primeiras plantas as oficinas de emprego, que ata o de agora estaban alugadas noutros locais, concentrando así este servizo e permitindo un importante aforro á Administración autonómica. Nas plantas terceira e cuarta, a Xunta poñerá a disposición de entidades e asociacións da cidade un espazo para ubicar as súas oficinas e locais. Finalmente, as catro plantas restantes están reservadas para a Universidade de Vigo e prevese que o Campus Crea teña aí a súa sede.

A remodelación integral do inmoble incluirá tamén a substitución da fachada por un revestimento de aluminio

Os traballos no edificio comenzaron no pasado mes de febreiro co baleirado do interior do edificio, empezando polo mobiliario de oficina. "Llenamos diez contenedores de obra solo con los muebles de madera", relataban os operarios tralo primeiro mes de obras, en relación a cantidade de material de refugallo extraído da obra. A continuación levouse a cabo a demolición dos teitos de escaiola, unha tarefa na que tomaron parte arredor de quince operarios cada día. Despois chegou o intre de derrubar as paredes e mailos tabiques ata deixar as plantas completamente baleiras. A partir de agora iníciase unha nova fase na que empezará a tomar forma o novo deseño da infraestrutura.

TRABALLOS PENDENTES. Entre as principais novidades, a remodelación integral do inmoble incluirá a substitución da fachada por un revestimento de aluminio. Tamén se cambiará a carpintería metálica por outra con dobre acristalamento. Outra das grandes novidades da reforma ten que ver coas tres entradas dende a rúa, que se manterán e que agora pasarán a ser totalmente accesibles.

A remodelación incluirá ademais distintas actuacións no eido da eficiencia enerxética, co obxectivo de reducir nun 70 por cento o custo de mantemento en calefacción e iluminación do inmoble. Aplicaranse métodos e tecnoloxías enerxéticas como caldeiras de biomasa para a calefacción, bombas de calor de tecnoloxía VRV para calefacción e refrixeración, instalación solar fotovoltaica para xeración de electricidade, así como elevados niveis de illamento térmico e sistemas de iluminación eficientes.