O rueiro suma sete nomes de muller dende 2015 aínda que a maioría de rúas honran a homes

Das 238 rúas adicadas a persoas en Pontevedra, só 27 recordan a figuras femininas; oito delas son virxes ou santas
Imaxe do cambio de placa na Avenida Virxina Pereira Renda. J.C (ARQUIVO)
photo_camera Imaxe do cambio de placa na Avenida Virxina Pereira Renda. J.C (ARQUIVO)

Sete mulleres ilustres incorporáronse ao rueiro de Pontevedra dende que o Concello decidise impulsar a igualdade entre homes e mulleres nos nomes das rúas. O mandato para o Goberno local saíu dun Pleno celebrado en 2015 que, ademais, fixaba como prioritaria a recuperación da toponimia tradicional á hora de incorporar novas designacións ao nomenclátor urbano.

Nunca as mulleres gañaran tanto terreo no que se refire aos nomes do espazo público pero, malia a todo, seguen a representar só o 11% das rúas adicadas a persoas na cidade. Só 27 vías honran a mulleres fronte a 211 que están adicadas a homes (89%), segundo un amplo estudo elaborado pola técnica de Normalización Lingüística municipal, Conchi Cochón, para as xornadas de onomástica da Real Academia Galega. Ademais, entre os hodónimos de donas, oito fan referencia a santas ou virxes.

A última incorporación feminina ao rueiro foi a de Virxinia Pereira Renda, que dende febreiro de 2021 pasou a nomear a vía da Parda antes adicada ao rei emérito, Xoan Carlos I. O executivo local xustificou este cambio como un exercicio de "hixiene democrática" tras coñecérense datos relativos á fortuna oculta do rei emérito e a súa saída de España. Pereira foi recoñecida pola súa militancia galeguista e pola súa custodia do legado de Castelao, que foi a súa parella.

Tamén María Victoria Moreno, escritora e mestra de Pontevedra homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018, ocupou o lugar dun home no rueiro. No mesmo ano no que a Real Academia Galega recoñecía o seu papel na literatura, o Concello retiráballe a rúa ao ministro franquista José María Fernández Ladreda e rebautizaba a vía de Campolongo como Avenida María Victoria Moreno.

A eliminación de nomes de persoas vencelladas ao franquismo é outro dos obxectivos do Goberno local que produciu cambios nos hodónimos urbanos dende principios dos 2000. Rosalía de Castro, por exemplo, foi o nome escollido para a vía principal de Mollavao, que entre 1942 e 2002 levaba o nome do militar Salvador Moreno (que participou no golpe de 1936). O cambio produciuse nun Pleno en 2002 no que tamén se lle retiraron este tipo de recoñecementos a outros personaxes fascistas, como Calvo Sotelo ou Paco Leis.

Máis recentemente, entre a lista de mulleres homenaxeadas nos últimos seis anos atópanse Vasquida García, curandeira perseguida pola Inquisición acusada de bruxería; Dolores Trabado, primeira muller taxista na cidade e decana dos autopatronos, e a mestra represaliada Ernestina Otero Sestelo.

Estas figuras nomean tres novas vías construídas recentemente no entorno da antiga Tafisa e foron inauguradas en 2019. Outra das rúas novas que xurdiu froito do crecemento da cidade foi bautizada tamén co nome dunha muller en 2015, a avenida Josefina Arruti Viaño. Está xunto á estación de autobuses e homenaxea á represaliada polo fascismo e esposa do alcalde republicano Bibiano Fernández Osorio-Tafall.

Por outro lado, o Concello inaugurou dende 2015 dous espazos verdes con nomes de mulleres. O primeiro deles foi en outubro dese mesmo ano e estaba adicado a Amalia Álvarez, viúva de Alexandre Bóveda, no barrio da Eiriña. O segundo foron os xardíns de María Vinyals, ante a sede da Xunta en Campolongo, e foron bautizados en xaneiro de 2019.

Murais. Outro xeito de dar protagonismo ás mulleres no espazo público é a creación de murais que as representan. Deste xeito, o Concello, a través dos programas Do Gris ao Violeta e A Memoria das Mulleres, impulsou a creación dunha obra deste tipo no barrio da Eiriña elaborado por Polo Correo do Vento, no que se representan máis dunha vintena de mulleres relevantes na historia de Pontevedra.

Outro adicado a María Victoria Moreno na rúa Eduardo Pondal, o de Cestola na Cachola no Parque das Palmeiras e a representación da Señora Lola xunto ao estadio de Pasarón, a cargo de Yoseba Muruzábal, completan a lista de obras de pintura no espazo público adicadas a mulleres nos últimos anos.

Outros espazos sen nomes propios fan referencia tamén ás mulleres, como a rúa das Lavandeiras ou a Praza Oito de Marzo

Tamén existen hodónimos que poñen en valor o traballo feminino sen dar nomes propios, como a Rúa das Lavandeiras (2005), que honra ás mulleres que lavaban no río Gafos, ou a Praza Oito de Marzo (2002).

Previamente, as incorporacións de artistas, intelectuais, pioneiras ou empresarias de renome ao rueiro foron chegando moi pouco a pouco. Deste xeito, no ano 2000 sumábase ao mesmo a pintora Maruxa Mallo. Tal e como indica Cochón no seu estudo, a última vez que se bautizara unha rúa con nome de muller fora en 1986, cando se nomearon dúas vías en recordo de dúas santas: Santa Lucía e Santa Teresa de Xesús Xornet.

Os outros nomes de rúas ou prazas adicadas a mulleres previos a 2015 son Herminia Fariña, Pilar Bértola, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Dona Tareixa, Isabel II, Princesa, Raíña Vitoria, Marquesa, Santa Clara, Santa Lucía, Santa María, Virxe Peregrina, Virxe do Camiño, A Santiña e Sor Lucía.

O programa do Gris ao Violeta elaborou unha lista cunha trintena de nomes de mulleres relevantes merecedoras dunha rúa na cidade. Entre elas estaban as sete mulleres incluídas no rueiro nos últimos seis anos.

Historia: Orraca Cosorio e outras donas ilustres da Idade Media que designaron lugares

"As homenaxes aplicadas ás rúas son algo contemporáneo, non se adoitaba facer na Idade Media, cando o nome das rúas tiña un carácter descritivo, por iso se unha vía levaba un nome de muller pode considerarse aínda máis valioso, de seguro se refería a algunha persoa que vivía alí e que era realmente importante no momento".

Explícao Conchi Cochón, que tamén atopou mulleres que nomeaban rúas hai séculos e cuxa pegada no rueiro se perdeu debido a cambios no nomenclátor. O rastro feminino máis antigo no rueiro detectado pola filóloga é o de Orraca Cosorio, que deu nome á actual Rúa Arco ata 1854.

A anterior denominación da vía tiña orixe medieval e referíase a unha propietaria da época. Tamén ata o século XIX houbo unha rúa denominada Teresa Pérez Fiota, unha notable benefactora da cidade ao longo do século XV e que podería ter relación coa actual rúa Dona Tareixa.

Cos anos perdéronse tamén nomes de vías como Santa Catalina (hoxe Licenciado Francisco de Paula Cousiño) ou a Rúa das Emparedadas (actualmente rúa do Duque de Tetuán) que podía facer referencia a un lugar onde as mulleres se retiraban a rezar e facer penitencia voluntaria ou obrigada.

undefinedNovas rúas e cambios de nomes

Entre as novas rúas con nome de muller atópanse vías construídas conforme medra a urbe (Vasquida García, Dolores Trabado e Ernestina Otero), ou avenidas que mudaron de nome.

undefinedMurais conmemorativos

Os murais tamén renden homenaxe a figuras femininas no espazo público. O Concello impulsonos na Eiriña (como honra a pontevedresas relevantes) ou Pasarón (adicado á señora Lola).

undefinedParques designados por mulleres 

Máis alá das rúas, novos espazos verdes foron bautizados con nomes de mulleres. Foi o caso do parque Amalia Álvarez, inaugurado en 2015, ou os xardíns de María Vinyals, de 2019.

Comentarios