As Ruínas de San Domingos recuperan este xoves as visitas guiadas

O Museo de Pontevedra organiza o percorrido cunha cita semanal ata o 15 de outubro ►  O acceso é de balde e non é necesaria inscrición previa
Cidadáns visitando as Ruínas de San Domingos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Cidadáns visitando as Ruínas de San Domingos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Museo de Pontevedra pon en marcha dende este xoves as visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos. Serán todos os xoves, ata o 15 de outubro, ás 12.00 horas. Correrán a cargo do equipo de Educación do Museo.

Segundo explica a propia institución, "trátase dun percorrido de 30 minutos de duración no que se explica a historia e o valor patrimonial do edificio, así como das pezas alí expostas". O acceso é de balde e non é necesaria a inscrición previa.

Este ano, as Ruínas de San Domingos abriron as súas portas ao público o 1 de abril . Permanecerán dispoñibles para as visitas ata o 31 de outubro. O horario de apertura é de martes a sábados de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.30 horas. Os domingos e festivos abren só de mañá e os luns permanecen pechadas.

Máis de 100.000 visitantes en 2022

O Museo lembra que en 2022 foron 111.662 persoas as que visitaron este espazo. Supón unha media de 13.958 visitantes cada mes dos que estivo aberto. "Foi o ano cun maior número de visitantes desde o 2011".

Este ano, dende que abriron e ata o 28 de maio, visitárono 19.123 persoas, o que supón 5.840 persoas máis que o ano pasado no mesmo período. É un incremento do 44%.

Por outra banda, a semana próxima comezan as visitas guiadas á exposición de Carmen Domínguez. Desenvolveranse os xoves do 8 ao 29 de xuño ás 18.00 horas.