O saber non ten idade

Preto de 80 estudantes sénior ampliarán coñecementos e experiencias no campus de Pontevedra. O ciclo intensivo conta con 61 matriculados e o integrado con 16
photo_camera Foto de familia dos senior, con Lantarón e Acuña en primeira liña. DUVI

Contribuír ao desenvolvemento cultural, social e persoal das persoas de máis de 55 anos constitúe un dos obxectivos centrais do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo, unha proposta formativa que neste curso 2022-2023 contará con preto de 80 alumnos e alumnas no campus pontevedrés, segundo informou o Duvi. Co obxectivo de presentarlles os diferentes servizos que a institución académica pon á súa disposición, a Vicerreitoría do campus acolleu este xoves un acto de benvida a un grupo de alumnos e alumnas que son "Universidade en estado puro", como salientou a vicerreitora, Eva Lantarón, responsable de abrir este acto xunto coa coordinadora do PUM no campus, Ana Acuña.

A falta de que o 30 de setembro peche o prazo de matrícula das persoas que continúan estudos no ciclo intensivo do programa, o deseñado especificamente para este colectivo, a día de hoxe o PUM conta en Pontevedra con 61 persoas matriculadas neste primeiro ciclo, 12 delas estudantes de novo ingreso. A estas súmanse os 16 alumnos e alumnas do ciclo integrado, no que o alumnado sénior cursa materias de diferentes titulacións xunto cos estudantes de grao. Coa idea de "darvos a benvida, sobre todo ao alumnado que se incorpora por primeira vez", como salientou Acuña, a Casa das Campás acolleu un acto no que puideron coñecer os servizos da Área de Benestar, Saúde e Deporte, biblioteca e servizos informáticos, así como o labor da asociación de alumnado e exalumnado sénior Asaexs, da man da súa presidenta, Gloria Prieto.

"Sodes Universidade en estado puro, porque estades aquí convencidos de que queredes ampliar a vosa formación", subliñou a vicerreitora do campus no acto de benvida

"Sodes Universidade en estado puro, porque estades aquí convencidos de que queredes ampliar a vosa formación, de que o voso desexo é continuar na Universidade", lembroulles a vicerreitora do campus, que destacou a importancia de programas como o PUM, inserido nas actividades da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP), para que a institución académica poida "axudar a persoas de todas as idades a continuar a súa formación". Nesa mesma liña, Acuña lembrou aos e ás asistentes que "camiñamos no mesmo camiño e entre todos intentaremos traballar na obra para que chegue a bo porto". 

INQUEDANZA. Integrado por catro cursos, o programa intensivo do PUM ofrece en Pontevedra, a posibilidade de cursar 42 materias de diferentes ámbitos, deseñadas especificamente para este colectivo e que se imparten nas diferentes facultades e escolas do campus, como explicou Acuña.

Como unha das principais novidades no presente curso, o ciclo oferta por primeira vez unha materia na Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á UVigo, na que participarán diferentes docentes do centro. Unha das novas alumnas deste ciclo, para o que non son precisos estudos previos, é Ángela Villar, quen recoñece que tras xubilarse buscaba "facer algo que me permita seguir exercitando a mente e ocupar un pouco o tempo".

"Buscaba facer algo que me permita seguir exercitando a mente e ocupar un pouco o tempo", explicou unha das alumnas, Ángela Villar

Aqueles e aquelas que completan este primeiro ciclo ou que conten cunha titulación universitaria, teñen a posibilidade de cursar 47 materias de diferentes titulacións de grao, no marco do no ciclo integrado. Ese é o caso de Ana Santos, quen tras rematar no IES Valle Inclán a súa etapa como profesora de Educación Física coa xubilación, matriculouse por primeira vez neste ciclo. "Mirei todas as materias e a que me chamou máis a atención era unha de Belas Artes, Psicoloxía da arte", apunta a tamén doutora pola Universidade de Vigo, que destaca que este ciclo "é moi motivador, porque estás con estudantes de 18 ou 19 anos e ti es unha alumna máis".