Martes. 18.09.2018 |
El tiempo
Martes. 18.09.2018
El tiempo

"Esta sala chea significa que todos temos aínda moi preto a Moldes"

Presentación do catálogo da mostra 'Pontevedra Suite', de Manuel Moldes. RAFA FARIÑA
Presentación do catálogo da mostra 'Pontevedra Suite', de Manuel Moldes. RAFA FARIÑA

O Sexto Edificio acolle a presentación do catálogo da derradeira exposición do pintor pontevedrés en vida

Un ateigado auditorio acolleu este xoves a presentación do catálogo da derradeira exposición en vida do pintor pontevedrés Manuel Moldes. "Esta sala chea significa que todos temos aínda moi preto a Manolo Moldes", sinalou o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, presente no acto. Na cita estaban tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o deputado de Cultura, Xosé Leal; o comisario da dita mostra, Ángel Cerviño, o crítico de arte Ramón Rozas e a viúva do artista, May Díaz.

O catálogo correspóndese coa última gran exposición do pintor con vida, celebrada o pasado verán no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Tratábase dunha mostra que reunía as obras do autor entre os anos 1983 e 1987, a súa etapa máis prolífica, durante a que declarou ter pintado ata catro cadros de grandes dimensións ao mes. Moitas destas pezas tiveron que ser localizadas logo de seren vendidas hai xa máis de 30 anos.

O volume reúne textos dos comisarios da exposición, Alberto González e o propio Ángel Cerviño. Ademais, o director do Centro Galego de Arte Contemporánea,Miguel Fernández-Cid, que organizou o primeiro monográfico de Moldes no dito centro, escribe tamén un texto sobre o artista. O catálogo complétano as sinaturas do columnista e crítico de arte Ramón Rozas e o xornalista Manuel Jabois. Ademais, escribe Mariano H de Ossorno, amigo do pintor na súa etapa en Madrid. Non pode faltar tanpouco un texto do propio Manuel Moldes que, hoxe por hoxe, convértese no seu "testemuño vital e artístico", tal e como o definiu Cerviño.

"Esta obra será un instrumento que terá moita vida, será un libro indispensable para quen se queira achegar á figura de Manuel Moldes", explicou o comisario da última mostra do pintor pontevedrés, Ángel Cerviño.

Deste xeito, Cerviño explicou que será difícil volver reunir todas as obras que estiveron xuntas na mostra que tivo lugar ao longo do pasado verán. Aquela retrospectiva á pintura dos anos 80 supuxo un proceso reflexivo no autor que "culmina coa presentación deste catálogo", dixo Valle. "Unha exposición é efémera, pero este volume serve para perpetuar aquela mostra", indicou o director do Museo.

Para o propio Manuel Moldes, ver todas as obras daqueles anos xuntas supuxo un impacto. Contábano onte os que aqueles días tiveron a ocasión de observalo percorrendo as salas do Sexto Edificio contemplando as pezas en solitario e en silencio. "Se seguira pintando, as consecuencias desta exposición poderían verse na súa obra futura", contou Cerviño. El mesmo animou aos representantes das institucións alí presentes a facerse cargo de manter vivo o legado do pintor porque "Pontevedra pode enriquecerse moito".

"Penso que hai que atopar unha forma para que a súa obra siga viva e estea conectada cos novos artistas, enfocada cara ao futuro", indicou Cerviño, que reivindicou onte a continuidade do labor pedagóxico de Moldes, cuxo taller definiu como unha porta aberta para todos os que querían pintar, a facultade de moitos artistas da cidade antes da creación de Belas Artes.

"Esta sala chea significa que todos temos aínda moi preto a Moldes"
Comentarios