A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes acolle unha mostra de Banda deseñada

► '9 narrativas gráficas e unha animación desesperada' poderá visitarse ata o vindeiro 29 de xuño na Facultade de Belas Artes
Inauguración da mostra sobre Banda Deseñada. DUVI
photo_camera Inauguración da mostra sobre Banda Deseñada. DUVI

Dez exalumnos formados na Facultade de Belas Artes e que na actualidade son profesionais da banda deseñada, a ilustración e a animación protagonizan a exposición '9 narrativas gráficas e unha animación desesperada', que se inaugurou o venres na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes. Á inauguración asistiron personalidades como a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; o coordinador do espazo que acollerá a exposición, Ignacio Pérez-Jofre; e o comisario da mesma, o autor e editor de cómics Kiko da Silva. Esta exposición, promovida coa colaboración do Concello de Pontevedra, trátase da primeira mostra de banda deseñada que reúne as creacións de exalumnos de varias xeracións da facultade e poderá visitarse ata o 29 de xuño.

Este traballo propón "un percorrido" polo traballo de autores e autoras de diferentes xeracións, que contribuíron ao longo das últimas dúas décadas á renovación da banda deseñada en Galicia. Non en van, a comezos deste século sucedeu algo realmente revolucionario no referido á expansión deste xénero en Galicia, xa que os seus autores e autoras, boa parte deles debuxantes que se estaban formando en Belas Artes, pasaron de facer fanzines a profesionalizarse, reivindicar o oficio e fundar asociacións profesionais.

A peza reúne os traballos de Alberto Vázquez, Brais Rodríguez, Jano, José Domingo, Julia Lago, Martín Romero, Miguel Cuba, Miguel Porto e Miriam Iglesias, así como do comisionario e director da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético Kiko da Silva. Varios dos artistas da mostra contan con obras feitas en diferentes idiomas, ao que se suman fitos como os catro premios Goya logrados por Alberto Vázquez polas súas curtametraxes e longametraxes de animación. Nese senso, esta conexión entre as dúas disciplinas vese reflectida nos bocexos que Vázquez realizou para o seu filme 'Psiconautas', co que gañou en 2017 o Goya á mellor película de animación e cuxo storyboard pode verse na mostra de Belas Artes. A maiores, a facultade ten previsto ofrecer algunhas visitas guiadas.

Comentarios