Salcedo celebrará a Festa da Empanada de Millo o 20, 21 e 22 de maio

A Asociación Cultural Santa Rita ofertará 640 racións nas variedades de mexilón, xoubas e bacallau
Imaxe da XIX edición da Festa da Empanada de Millo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Imaxe da XIX edición da Festa da Empanada de Millo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Salcedo celebrará a XX Festa da Empanada de Millo no marco das festas de Santa Rita e San Isidro, segundo confirmou a Asociación Cultural Santa Rita, encargada da organización do evento. A degustación gastronómica comezará o sábado 20 a partir do mediodía no campo da festa de San Martiño, onde os veciños e visitantes poderán degustar unha ración de empanada de millo nas variedades de mexilón, xoubas ou bacallau, acompañada dunha cunca de viño serigrafiada (ou bebida alternativa) a un prezo de seis euros. 

Manuel Cortegoso, membro da Asociación Cultural Santa Rita de Salcedo, afirma que se fará un encargo de 80 empanadas á panadería Martínez, de Mollavao, e que se dividirán en racións de oito, "moi xenerosas", polo que a previsión é de ofertar máis de 600 racións, "ata esgotar as existencias", aseguran desde a comisión organizadora. 

A celebración desta festa gastronómica regresa tras tres anos de parón obrigado pola pandemia da covid-19, polo que a comisión de festas agradece a colaboración de tódolos vecinos e colaboradores que farán posible a recadación para a festa. 

Programa

O sábado día 20 actuará a Banda de Guerra da Brilat. No campo da festa haberá animación a cargo de Cantanascroas, seguido do grupo de acordeóns de Pontevedra. A partir das 22.00 horas haberá unha verbena coas orquetras Solara e Gran Parada.

O domingo 21 haberá alborada e pasarrúas cos grupos de gaitas Os canteiros de Tomeza e Os Fervellos do Pío. A partir do mediodía haberá unha actuación da Banda de Música de Salcedo e a partir das 20.00 horas comenzará a verbena co grupo Atracción Beatriz e a orquestra Pontevedra. O luns 22, día grande de Santa Rita de Casia, haberá degustación da empanada de millo e no caso de choiva, instalarase unha carpa no campo da festa de San Martiño. No que respecta ás celebracions relixiosas se oficiará misa e procesión coas imaxes de Santa Rita e San Isidro. Os organizadores esperan que a festa recupere o esplendor dos últimos anos prepandemia.

Comentarios