"No Salnés está todo por facer e o BNG ten proxectos", afirma Bará

A candidata á Xunta do BNG, Ana Pontón, acompañará hoxe ó cabeza de lista por Pontevedra na posta de largo da candidatura
Os membros da candidatura do BNG, na Praza de Fefiñáns, este luns. CEDIDA
photo_camera Os membros da candidatura do BNG, na Praza de Fefiñáns, este luns. CEDIDA

O nacionalista Luís Bará ofreceu este luns á veciñanza do Salnés un tres en un da man do Bloque o vindeiro 5-A: "Derrotar ao PP, promover un cambio galego e poñer na presidencia da Xunta a unha muller nacionalista e feminista como Ana Pontón".

Durante a presentación en Cambados da lista electoral, destacou a presenza, entre outros, da parlamentaria Montse Prado, a concelleira en Sanxenxo Sandra Fernández ou o líder de movemento social Xosé Leirós. Todos eles subliñaron que na comarca do Salnés "está todo por facer" e destacaron que o Bloque "ten un proxecto de goberno que mudará a tendencia catastrófica de Feijóo".

Luís Bará, dende a praza de Fefiñáns, subliñou que o BNG "vai a por todas" e que "sentímonos fortes e reforzados porque cada vez temos máis apoio, por recuperar a representación en Madrid e ter alí a voz do BNG defendendo os intereses de Galiza, e porque tamén temos un BNG forte, que integra, se abre e suma".

Considerou imprescindible rematar cos once anos do Partido Popular na Xunta "polo que significaron de decadencia, dependencia, submisión e parálise de moitos sectores fundamentais para xerar riqueza e emprego".

Pola súa banda, Montse Prado, a número dous da candidatura, manifestou que o 5-A "é preciso cambiar o guión e de rumbo", xa que no Salnés "temos unha comarca que é practicamente un deserto industrial na que desapareceron infinidade de empresas, coa práctica desaparición do sector da conserva".

A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, visitará hoxe a cidade para arroupar a Luís Bará na presentación da candidatura.

Comentarios