miércoles. 21.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 21.10.2020
El tiempo

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil pecha cun balance de 30.000 visitantes

Público que asistiu a estrea da última montaxe de Baobab na xornada de clausura do Salón. OLGA FERNÁNDEZ
Público que asistiu a estrea da última montaxe de Baobab na xornada de clausura do Salón. OLGA FERNÁNDEZ

A estrea de 'Puño puñete', de Baobab, pon o ramo a unha programación dun mes de duración e de máis de 150 actividades. A organización anunciará en breve as datas do evento en 2019, "no que celebraremos ao grande o XX aniversario".

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra péchase deixando un balance de 30.000 visitantes, o que supón un lixeiro descenso con respecto aos dous anos anteriores, máis centrados no público infantil, nos que se superaran os 32.000, segundo a organización. A estrea da última montaxe da compañía de teatro pontevedresa Baoabab, o espectáculo musical Puño puñete, serviu para poñer o ramo á XIX edición deste evento, único en Galicia, que programou máis de 150 actividades ao longo do último mes.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, que di estar traballando xa na edición do ano que vén, "na que celebraremos ao grande o XX aniversario", destaca tres aspectos desta nova etapa do Salón do Libro, posta en marcha ao asumir ela o departamento do que depende: o seu carácter feminista "acorde cos tempos que vivimos", a recuperación dun país convidado "enmarcado na proxección internacional do modelo de cidade" e a aposta por involucrar máis contundentemente novos públicos "como o dos adolescentes e o dos profesionais do ensino".

"Foron as escolas as que decidiron que o Salón fose feminista. Os tempos que vivimos requeríano así"

Sobre o carácter feminista, Fouces lembra que foron os centros escolares que participan no evento, 60 nesta edición (14 deles de Secundaria), os que elixiron o eixe temático Mulleres de conto entre todos os que se lles propuxeron. "Estou especialmente satisfeita por esta escolla. Foi un Salón do Libro feminista porque o quixeron as escolas. Os tempos que vivimos requeríano así".

A concelleira, que elixíu á xornalista e escritora Eva Mejuto para coordinar a programación deste ano, resalta tamén a presenza de México no Salón. Recuperábase desta maneira a idea de ter un país convidado no evento, como xa se fixera entre 2007 e 2009 con Brasil, Cuba e Portugal. "Estamos recollendo os froitos da proxección internacional que está a ter o modelo de cidade. O Salón do Libro é un digno acompañante nesa proxección, quere formar parte dela", comenta. "Foron doce persoas as que o Goberno mexicano trouxo á cidade para despregar aquí todo o seu talento, mostrarnos a súa cultura e achegarse á nosa".

"Os mozos e os mestres semellaban estar agardando a que se lles abrisen as portas do evento. A resposta foi magnífica"


Finalmente, Fouces suliña a incorporación de novos públicos ao evento, unha aposta que manterá de cara ao ano que vén. "A idea é que sigamos traballando nesta liña e sigamos incorporando novos públicos, público xuvenís, que xa traballarán ao longo do ano no Salón, como fan os alumnos de Primaria, e público profesional, especialmente profesorado", explica. "O que notamos este ano, abrindo estas dúas liñas, é que había unha demanda de actividades por parte destes dous grupos. Estaban agardando a que alguén fixera algo así, porque a resposta foi magnífica".

A concelleira e o equipo do Salón darán a coñecer as datas do Salón do ano 2019 "nas próximas semanas. Segundo di, non deixarán pasar desapercibido o XX aniversario. "Xa temos cousas na cabeza. Vai ser, sen dúbida, unha edición especial".

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil pecha cun balance de 30.000...
Comentarios