O Salón do Libro loce un gran sorriso

"Que os pais teñan sempre libros ao lado dos nenos para medraren e para seren libres", pediu a escritora Helena Villar na inauguración dun evento único en Galicia, que inclúe unha programación de 300 actividades e se prolonga durante un mes ? Unha proposta escénica dirixida por Marcelo Dobode serviu para botar a andar unha edición adicada ao humor
O lobo Orbil cos primeiros nenos que entraron, este venres pola tarde, nas exposicións do Salón. DAVID FREIRE
photo_camera O lobo Orbil cos primeiros nenos que entraron, este venres pola tarde, nas exposicións do Salón. DAVID FREIRE

Un enorme sorriso debaixo dun nariz vermello de pallaso presidiu este venres, no Pazo da Cultura, o espectáculo inaugural do XXI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, unha proposta única en Galicia que se prolonga durante un mes, conta cunha programación de 300 actividades, cunha biblioteca de 1.000 títulos, e que este venres se abriu ao público co espectáculo inaugural 'Un sorriso de conto'.

Centos de pequenos e os seus pais asistiron a esta proposta escénica, dirixida polo músico Marcelo Dobode e presentada por Soledad Felloza e Nee Barros, que xogou a emparentar a un dos personaxes máis famosos da literatura infantil italiana, Pinocho, co personaxe máis famoso do Salón, a súa mascota, o lobo Orbil. O espectáculo contou coas actuacións do Coro da Xunqueira I, o bailarín Manuel Vilariño e a Xingro's Big Band. Foi esta última a encargada de conducir aos máis pequenos dende o auditorio do Pazo ás salas de exposicións, cando rematou o acto inaugural. Orbil agardaba alí para abrirlles aos nenos oficialmente as portas da nova edición do Salón do Libro, que ten ao humor como eixe temático e a Italia como país convidado.

HOMENAXEADOS. Helena Villar Janeiro e Kiko da Silva son os autores homenaxeados. "Eu comecei a escribir para nenos, xunto ao meu home, porque tiñamos dous. Despois iso transcendeu as fronteiras da nosa casa", lembrou a escritora, que defendeu a importancia dos libros na infancia. "O libro fai medrar a mente igual que o agarimo fai medrar o corazón". É por iso que a autora lle pediu aos pais que mantivesen os volumes preto dos fillos. "Aproveito para dicirlle aos pais que teñan sempre libros ao lado dos nenos para medraren, para seren grandes e para seren libres. E non necesitan wifi".

O espectáculo inaugural, que xogou a emparentar a Orbil con Pinocho, contou co Coro da Xunqueira I, a Xingro´s Big Band e Manuel Albariño

Pola súa banda, Kiko da Silva, que non puido estar na inauguración, deixou unha carta na que lembraba, entre outras cousas, como creara a Orbil hai 15 anos "e dende entón non deixou de facer amigos". Da Silva animou, ademais, a toda a rapazada a pintar, dixeran o que dixeran os demais. "Observade as cousas e lede e cando volvades a casa pintade o mundo como só vós o podedes ver".

ITALIA. A organización do Salón do Libro lembrou que, a pesar de ser Italia o país convidado deste ano, ningún convidado viaxa dende alí. Simone Negrín, que viviu durante moitos anos en Galicia, está afincado en Madrid y o resto dos protagonistas italianos das distintas propostas están afincados en Pontevedra e foron contactados a través da asociación Mater Lingua. Tan só houbo unha variación no programa: no canto do espectáculo Out of the Blu, de Pista Catro, no que contaban coa colaboración de Francesca Martó, representarase Nono, da mesma compañía galega, que realizan sen ela. "O resto da programación permanece intacta. Italia será homenaxeada a través dos seus libros e do recoñecemento a autores como Gianni Rodari, Carlo Collodi ou Adela Turin".

Polo demais, a organizacion tamén indicou que, seguindo os consellos de Sanidade, no evento se colocaron carteis que lembran a necesidade de lavar as mans de forma frecuente ou non tapar a boca con elas ao toser. Igualmente instaláronse dispensadores de xel desinfectante hidroalcóholico de mans para o uso público. Polo Salón do ano pasado pasaron, segundo o Concello, 26.000 persoas.

Comentarios