O Salón do Libro de Pontevedra arrinca este venres con México como país invitado 

O evento inaugurarase este venres cun espectáculo de música e contos

Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polas concelleiras Carmen Fouces e Anabel Gulías, recibiu no Concello á delegación de México. FACEBOOK
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polas concelleiras Carmen Fouces e Anabel Gulías, recibiu no Concello á delegación de México. FACEBOOK

O Auditorio do Pazo da Cultura acollerá este venres, desde as 18.00 horas, a inauguración oficial do XIX Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, co concerto Catrina e Dona Francisca, a cargo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. 

O espectáculo, de música e contos, xira ao redor das 'catrinas', iconas da cultura de México, que será este ano país convidado á cita literaria. 

As actividades da primeira xornada continuarán ás 19.30 horas, cun espectáculo de contacontos a cargo de Pavís Pavós e Raquel Queizás, en compañía das contadoras mexicanas Rocío Kuri, María Guiexhooba e Alondra Angélica Ramírez. Xuntas percorrerán o Salón e encherano de contos de mulleres dunha e outra beira do Atlántico. 

A gastronomía e cultura mexicanas poñerán o colofón ao primeiro día, a partir das 21.30 horas na cafetería do Pazo. Directamente chegados do emblemático barrio da Mercé, en Cidade de México, o Chef Rómulo Mendoza cos fogóns e Rocío Kuri cos contos ofrecerán un petisco de México a través dos sabores e da palabra. 

Comentarios