O Salón do Libro presume de onda expansiva

O evento, que se celebrará entre o 6 e o 29 de abril, inclúe máis de 150 actividades na súa programación, entre elas, dous espectáculos inéditos e exclusivos

Carme Fouces presenta o Salón do Libro Infantil e Xuvenil. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Carme Fouces presenta o Salón do Libro Infantil e Xuvenil. OLGA FERNÁNDEZ

"Estamos moi orgullosas de presentar este Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que deixará notar a súa onda expansiva pola cidade", sinalou a concelleira de Cultura, Carme Fouces, na presentación que realizou do evento. Máis de 150 actividades compoñen esta proposta, que se desenvolverá baixo o lema 'Mulleres de conto' e que ten a México como país convidado. Celebrarase, co Pazo da Cultura como sede principal, entre o 6 e o 29 de abril. "Queremos fomentar a lectura, abrazar unha cultura alén do mar e proxectar a nosa. Todo este conxunto de actividades, toda esta proxección que acada este ano o Salón, é posible grazas ao posicionamento internacional que acadou Pontevedra".

Ás propostas xa presentadas con anterioridade (o congreso de mediadores de lectura, as exposicións e as propostas protagonizadas por México), Carme Fouces sumou onte sesións de contacontos, actividades organizadas en colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), obradoiros, obras de teatro (entre elas, O secuestro da bibliotecaria, de Sarabela; Rosa Caramelo, de Talía, e Emilia, de Teatro del Barrio) e encontros con autores (como Ledicias Costas, Anxo Fariña...). Ademais, o Salón volverá contar con dous espectáculos exclusivos: un será o da inauguración, que correrá a cargo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, Catrina e dona Francisca, no que colaborará a contadora Paula Carballeiras, e o outro, o do Seminario Permanente de Jazz en colaboración coas poetas María Lado e Lucía Aldao, A ovella Engracia. A maiores, o Coro do Conservatorio Manuel Quiroga ofrecerá unha actuación cun programa de temas compostos por mulleres.

Fouces tamén quixo resaltar a creación dunha Escola de Nais e Pais dentro do Salón, espectáculos para bebés a cargo de Marcelo Dobode e Baobab, e a importante aposta que se realizará dentro do evento polo público xuvenil, "con, entre outras cousas, un espazo propio para os clubs de lectura dos institutos da cidade, polo que pasarán diferentes autores e ilustradores".

A programación completa do Salón do Libro así como toda a información sobre os horarios e a venda de entradas para os diferentes espectáculos pódese consultar en salondolibro.gal.

Comentarios