O Salón do Libro que trouxo de volta a ilusión despídese logo de 300 actividades

'Rock para salvar o planeta' do proxecto RockLab clausurou a edición que botara a andar o 23 de abril
Acto de clausura do Salón do Libro. GONZALO GARCÍA
photo_camera Acto de clausura do Salón do Libro. GONZALO GARCÍA

Acabouse o que se daba. A XXII edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil baixou este domingo o pano. Fíxoo logo de organizar máis de 300 actividades durante dúas semanas e tres fins de semana.

O Salón Emerxencia literaria pasará a historia por ser o que levou fóra das paredes do Pazo da Cultura os obradoiros e contacontos, incorporando espazos como a Illa do Covo ou as parroquias ás que chegou da man do Rodalibros. Tamén será recordado por plantarlle cara á crise sanitaria cun estrito protocolo de seguridade que, malia que obrigou a reducir aforos, trouxo de volta a ilusión a Pontevedra. "O Salón do Libro non tería sido posible sen a colaboración absoluta de todo o público que se comportou de maneira exemplar, e a implicación das Escolas Unesco - 80 escolas de 15 países - e os centros escolares da cidade e contorna - más de 30 - que pese ao curso complicado quixeron participar cos seus traballos e recibiron de bo grado as actividades que lles levamos, preto 150", destacou o domingo a concelleira de Cultura, Carme Fouces, trala clausura do evento.

Roteiros, contacontos, obradoiros, espazos para a reflexión, actuacións musicais e estreas foron algunhas das actividades que durante dúas semanas e tres fins de semana encheron de actividade a Boa Vila. Case sempre con aforo completo. "E todo isto con ilusión e responsabilidade", destacaron nun acto de clausura especialmente emotivo "xa que o ano pasado non se puido celebrar", lembraron os presentadores. Na clausura repasáronse as actividades que se levaron a cabo durante estes días e incluso houbo un momento para lembrar a vacinación de Orbil, a mascota do Salón.

Gon SALÓN DO LIBRO. 19.00 AUDITORIO DO PAZO. ESPECTÁCULO DE CLAUSURA 'ROCK PARA SALVAR O PLANETA', domingo, 9 may · 19:30–20:30

A XXII do Salón incorporou espazos como a Illa do Covo e o préstamos de libros, chegando a prestar 200 durante estas semanas

Aínda que o Salón apostou principalmente pola presencialidade, simultaneando actividades en diferentes espazos, contou con varias actividades en streaming como os contacontos matinais, os actos de inauguración, homenaxe e clausura e os faladoiros creativo - literarios e o III Congreso Internacional de Mediación Lectora, en colaboración coa Uvigo, que chegou a máis de 150 persoas.

Non faltou tampouco nesta edición a tecnoloxía da man da colaboración do Museo do Videoxogo de Cangas e tivo cabida a ciencia, de especial relevancia por mor da situación actual. Tamén se prestaron 200 libros ó abeiro desta iniciativa. Non faltaron tampouco os obradoiros gastronómicos Ecomerendas nin os roteiros ambientais entre moitas sorpresas máis. 

Salón do libro. Obradoiros e actuacions das 12 30 en adiante

"Foi un Salón moi difícil, pero moi exitoso"
"Foi un reto que custou moitísimo traballo sacar adiante e creo que o sacamos cun nivel que para nada mermou comparado con outras edicións". Así valorou o éxito do Salón do Libro a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, no acto de clausura.A edil mostrouse especialmente agradecida tanto ó público que apoiou as actividades presenciais "pola súa responsabilidade e a súa comprensión á hora de atender as instrucións para que fora un Salón seguro", como ó equipo que estivo detrás da organización deste gran evento cultural.
"Foi un Salón do Libro moi difícil pero moi exitoso", subliñou Carmen Fouces. "Quero felicitar ó equipo do Salón do Libro polo traballo inmenso que fixo para que o domingo esteamos clausurando a XXII edición. Parece incrible que puideramos facer isto en plena pandemia", engadiu a edil de Cultura que anunciou que "xa imos camiño da edición número 23", concluíu.

Comentarios