Salustiano Mato: "A través da innovación no bosque facíanse moitos ikeas"

Oito anos despois da súa chegada á Reitoría da Universidade de Vigo, Salustiano Mato fai balance da xestión nun dos peores momentos da institución

Salustiano Mato. DP
photo_camera Salustiano Mato. DP

Cando faltaban só unhas horas para que o novo reitor da Universidade de Vigo tomase posesión do seu cargo, o home que durante os últimos oito anos estivo ó fronte da Universidade de Vigo atopábase no seu despacho "traballando ata o último momento". Salustiano Mato volve ó posto de catedrático de Zooloxía para emprender unha nova etapa centrada na investigación, na universidade e noutros proxectos profesionais.

Pensaba que o atoparía recollendo o despacho.  

Estou moi afeito a estas cousas, xa son moitos anos cambiando de actividades e nunca tiven problema. Xa estiven en situacións con responsabilidades máis complicadas e complexas.

Agora remata outra etapa. Di vostede que marcha coa sensación de ter os deberes moi ben feitos.

Marcho satisfeito porque o reto fundamental que me encargou a comunidade universitaria no ano 2010 foi «sácanos deste burato negro». Estabamos cun déficit tremendo, unha situación galopante de crise, recortes e cada vez menos diñeiro público. Pensabamos: como saímos desta sen perder postos de traballo, prestixio, títulos, evitando ameazas de peches de centros, de facultades de campus...?. Non só conseguimos saír adiante, senón que somos os máis rendibles economicamente. Medramos en títulos, achegámonos máis á sociedade, somos máis internacionais, temos máis prestixio que nunca... Ademais, crecemos ata no capítulo 1, un 15%, polo tanto conseguimos reter a todas as persoas que a taxa de reposición nos impedía con distintos mecanismos. Estou moi contento, aínda que será o futuro o que xulgue a miña xestión.  

"O futuro de Pontevedra e a comarca é o mundo das industrias culturais e todas as súas vertentes"

Se tivera que destacar tres fitos destes anos á fronte da Universidade de Vigo, cales serían?

É moi difícil, pero coido que o primeiro momento importante foi cando conseguimos o Campus de Excelencia do Campus do Mar. Para min era fundamental conseguir iso para facer o que tiña na cabeza, que era a especialización dos campus. O modelo foi promovido por nós e incluiuse na Lei Galega; tiña moi claro que este era o modelo de futuro para facer eficiente o sistema universitario galego nun momento en que todo o mundo cuestionaba que existiran tres universidades e sete campus.  O segundo momento importante foi cando fomos capaces de equilibrar as contas e facer unha economía solvente e robusta que foi ininterrompida ata o último día, que presentamos as contas con superávit. O último fito para min é importante porque é un exemplo histórico dunha das teimas e obsesións que eu tiven neste tempo, que é facer que a universidade conecte coa sociedade, transferir o coñecemento dunha forma ampla non só ás empresas, senón tamén á sociedade civil.

E mirando para o Campus de Pontevedra? Que subliñaría?

O Campus Crea, que xa empeza a dar froitos e é unha oportunidade de cremento para Pontevedra. Supuxo un antes e un despois para este campus. As facultades antes eran compartimentos estancos e agora empezan a conectar e a coñecerse.  Á parte de ser unha máquina para buscar recursos, é unha maneria de achegarnos á sociedade e ó futuro de Ponteveda e a comarca, que é o mundo das industrias culturais e creativas con todas as súas vertentes.

Unha última ollada ó Campus de Pontevedra. Que lle falta? Cara onde cre que ten que medrar?

O que ten o ten consolidado, só hai que pechar a consolidación de Forestais. Faltounos, iso si, unha cousa que tiñamos pensada: a rede de investigación entre o CIF de Lourizán, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e a Misión Biolóxica. Queriamos converter o bosque nun espazo de oportunidade para Galicia a través da innovación e pedimos un apoio institucional que non tivemos. A través da innovación desde o bosque fabrícanse moitos ‘ikeas’, pero o Goberno galego non o soubo ver.  E queda tamén pendente a sede nova de Benito Corbal, da que se pode sacar moito partido achegando os servizos da Universidade ós cidadáns.

Se algo caracterizou o seu reitorado foron as boas relacións coas institucións de Pontevedra.

Nunca foron mellores. Colaborando cada vez con máis empresarios e axentes sociais, iso é o que dá máis valor á universidade e o fixemos nos peores momentos. O campus de Pontevedra sempre foi amable, positivo e cooperativo. Todas as cousas que propuxemos foron abrazadas con entusiasmo. Realmente foi un luxazo traballar para a xente de Pontevedra.

Marcha con algunha espiña cravada?

Olvídome dos programas porque non só os fixen ó 100% senón que fixemos máis. A espiña que teño cravada son as cousas que non puiden facer por imperativo legal. Eu quixen subir os salarios, pero Hacienda non mo permitiu por dúas veces. Agora coa situación económica actual e o cambio de Goberno terán máis sorte.

Como ve ó novo equipo reitor? Sente que o apoio que recibiu é unha crítica á súa xestión?

Comigo non foi o debate. Non me gañou ninguén. É imposible ver o resultado como unha crítica ao noso sistema. Outra cousa é que a xente nos seus despachos estea enfadada e que se agarre a un leit motiv dunha campaña ben feita.

O novo reitor centrou a súa campaña "nas persoas".

Recuperouse ese discurso durante a campaña electoral. Está claro que hai que preocuparse polos traballadores, para iso tamén hai sindicatos, pero para min o importante é o que a Universidade fai pola sociedade, a docencia de calidade, a investigación excelente e a transferencia de coñecemento para ser axentes de desenvolvemento no país onde estamos. É o que somos hoxe.
 

"Co novo ministro ábrese un espazo de futuro"

Salustiano Mato volveu este venres ó seu despacho de catedrático de Zooloxía no CUVI, onde polo de agora centrará a súa actividade.

Vaise dedicar exclusivamente á Universidade ou séntese tentado pola política? O outro día dixo que non estaba na súa axenda.

Simplemente quixen aclarar que no espazo político eu non son independente. Evidentemente, a quen non lle podo dicir que non é á xen
te do BNG. No espazo político só me vou sacrificar pola plataforma ideolóxica na que creo, pero como profesional, pola sociedade galega non teño problema en traballar. De feito, sendo afín ó BNG fun o reitor que mellor se entendeu co actual presidente da Xunta.

Como vive o momento político actual cun novo Goberno que ten como ministro de Ciencia a Pedro Duque, por exemplo?

Isto é absolutamente sorprendente e único. Levei un ‘alegrón’. Non sei o que poderán facer pola aritmética parlamentaria, pero de entrada xa é un Executivo que che dá unhas doses de ilusión. Ó ver ó novo ministro pensas, "que sorte, se me tocara este cando estiven aquí". Ábrese un grande espazo de oportunidade. Pedro Duque é unha persoa que cre na investigación e, sabes o difícil que era meterlle na cabeza ós anteriores a importancia da investigación? Machacáronnos á Universidade en xeral, pero en investigación só atopabamos muros.

Comentarios