Samaín Fest para compensar dous anos sen San Patricio

Mareantes Rugby Club busca financiamento tras dous anos sen poder celebrar a xa tradicional festa irlandesa na Praza de España
Imaxe da última edición do San Patricio, a cargo do club de Rugby Mareantes, en 2019. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)
photo_camera Imaxe da última edición do San Patricio, a cargo do club de Rugby Mareantes, en 2019. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

Samaín por San Patricio. É o cambio que propón o Mareantes Rugby Club que, despois de dous anos sen poder celebrar a xa típica festa irlandesa na Praza de España, neste 2021 aposta polo Samaín Fest para recuperar a actividade.

A pandemia supuxo para a entidade un considerable impacto económico, xa que boa parte do seu orzamento completábase coas achegas obtidas a través deste evento. Agora que a situación epidemiolóxica mudou e que a emerxencia sanitaria decaeu en Galicia, o club pontevedrés decidiu aproveitar as datas de Todos os Santos para mergullarse de cheo no Samaín Fest, un festival organizado coa colaboración da Concellería de Promoción Económica e Turismo que animará esta ponte de Defuntos con música en directo e unha variada oferta gastronómica, na que tamén estará presente a cervexa: rubia, tostada e a clásica Guinness negra.

Cartel do Samaín Fest, elaborado por Rafa PrietoUn dos principais atractivos desta festa, que se desenvolverá na Praza de España entre o mércores 27 de outubro e o luns 1 de novembro, serán os concertos diarios protagonizados por grupos locais. "Nun ano no que a cultura o pasou tan mal resulta especialmente importante botarlles unha man, potencialos e axudarlles a que teñan actividade e a que a xente escoite a súa música. Ao tempo que se recadan fondos imprescindibles para un club tan senlleiro como o Mareantes, o evento é un grande exemplo de compromiso co talento local e a cultura desta cidade. Mesmo o orixinal cartel do festival foi elaborado por un artista local como o pintor, debuxante e caricaturista Rafa Prieto".

O programa de actividades comprende concertos ao longo de todas as xornadas de festival, así como a posibilidade de realizar unha sesión vermú patrocinada por Cinzano. A festa pecharase o luns, 1 de novembro, ás 18.00 horas.

Tal e como subliña o presidente do Mareantes, Roberto Juncal, "este Samaín Fest resulta esencial para o club", que o organiza "co obxectivo de financiar os gastos da tempada e, sobre todo, o noso ilusionante proxecto de escolas de categorías inferiores, no que estamos cen por cen volcados, que xa conta cuns 50 rapaces e do que vai depender o futuro e viabilidade do equipo a medio e longo prazo".

Pola súa banda, a vicepresidenta do club de rugby, Rebeca González, anima "a todos os pontevedreses a que se acheguen nesas datas ata a Praza de España para desfrutar dun festival que se levará a cabo coas máis estritas medidas de seguridade".

Non obstante, Blanco considera que "este Samaín Fest é un deses síntomas de normalidade que nos enche de ledicia ver nas rúas".

Programación. Cinco días de gastronomía, cervexa e música
No programa deseñado para este Samaín Fest contémplanse as actuacións de Le Tissier (mércores 27), Desconcerto (xoves 28), Gran Garaje (venres 29, ás 20.00 horas), Sr Nilson (venres 29, ás 22.00 horas), Jugones (sábado 30 ás 20.00 horas), Algo Pasa con Mary (sábado 30 ás 22.00 horas), Toniscash (domingo 31 ás 20.00 horas) e Son das Tabernas (domingo 31 ás 22.00 horas).

Comentarios