San Benitiño de inverno, igual de milagreiro

O mosteiro de San Salvador de Lérez acolleu devotos procedentes de Salvaterra do Miño, Lalín e Ourense, xunto as decenas de pontevedreses que cumpriron co rito de pedirlle ao santo axuda para a curación das súas doenzas da pel
Procesión de San Benitiño. GONZALO GARCÍA
photo_camera Procesión de San Benitiño. GONZALO GARCÍA

O mosteiro de San Salvador de Lérez foi este martes un tranquilo, pero incesante lugar de peregrinación de fieis que quixeron cumprir coa tradición (e devoción) de pedirlle ao San Benitiño axuda para curar as súas doenzas ou mesmo para dar as grazas por enfermidades xa superadas. Ise foi o caso de Rosa, que chegou camiñando co seu marido dende Pontevedra porque "estoulle moi agradecida, viñen o ano pasado, moi maliña da perna, estaba perdida. Iste ano puiden vir camiñando". Sexa ou non, un milagre atribuido a San Benitiño, o certo é que durante tódalas misas da mañá, especialmente a do mediodía, enchéronse de devotos.

O sacerdote Pablo Carou foi o encargado de oficiar as misas da novena, mestres que o acto relixioso solemne deste martes dirixiuno José Luis Dorelle Iglesias, párroco de San Juan de Ortoño (Bertamirans) e profesor da Universidade Pontificia de Salamanca. Despois, tivo lugar a tradicional procesión ao redor do atrio do mosteiro coa imaxe de San Benitiño portada a ombreiros e custodiada polos fieis.

"Hubo gente todos los días en las celebraciones, aunque es verdad que siempre hay mucha más en verano", afirmó Pablo Carou en referencia a festividade do 11 de xullo. Sen embargo, Carou confirmou que viñeron persoas de Lalín, Caldas de Reis, Salvaterra do Miño e Ourense, todo un indicativo da forza que ten a copla popular "se vas a San Benitiño, non vaias ó de Paredes que é moito máis milagreiro o San Benitiño de Lérez".

Devotos en San Benitiño. GONZALO GARCÍA
Devotos en San Benitiño. GONZALO GARCÍA

A tradición sinala que, no caso de sufrir unha doenza da pel, débese de botar o aceite queimado de San Benito na zona afectada durante os días da novena e ofrecer unha misa, ou se non se pode, débese aplicar durante nove días na casa e rezar. Isto é o que asegura Elisa López, unha das voluntarias que colabora na venda do aceite, peticións de misas e mesmo o libro de acción de grazas, que estaba cheo de mensaxes de devotos. Elisa foi, en palabras da súa nai, unha das personas ás que San Benitiño ‘curoulle’ unhas verugas das mans. Outra das tradicións que ainda se mantén entre os fieis son as ofrendas de ovos e polos que se fai co gallo de pedir a intercesión do santo do mosteiro de San Salvador de Lérez.

Polbo e velas

Coma sucede en tódalas romerías galegas, polo San Benito de inverno abundaron as rosquilleiras, o polbo, o churrasco, a carne ao caldeiro, roupa, chourizos de Lalín e ata bacallao. Pero un distintivo desta festa relixiosa son as velas con formas de corpo que os fieis soen deixar ao carón do santo. "As máis vendidas son as dos corpos enteiros e nenos, pero tamén hai bastantes de peitos", afirmou Mateo, un dos vendedores destes artigos. "A primeira hora foi flouxo, pouca xente, pero ao longo da mañá a cousa foise animando", asegurou este mozo, un habitual desta romería.

Despois de toda misa, sempre hai un anaquiño de tempo para probar o polbo á feira, porque se non hai una ración "non é festa", afirma Manuel, quen se achegou o mosteiro con amigos para cumprir coa obriga de hai varios anos, "axudounos, o santo axudounos", asegura. Sexa unha cuestión de fe, tradición ou devoción, a romería de San Benitiño regresa o 11 de xullo, pero o de inverno é igual de milagreiro.

Comentarios