A San Silvestre causará cortes puntuais de tráfico nas rúas que integran o percorrido

Os cortes de tráfico serán puntuais polo que ao paso da proba deportiva se restablecerá a circulación

Percorrido da San Silvestre. DP
photo_camera Percorrido da San Silvestre. DP

A San Silvestre adoita reunir en cada edición a milleiros de participantes nesta última proba deportiva do ano e iso obriga a adoptar unha serie de restriccións na circulación para garantir a seguridade dos corredores.

Deste xeito, a Policía Local informa de que a carreira non implica restricións de estacionamentos, se ben os vehículos que se atopen estacionados a longo do percorrido non poderán movelos ata o remate da competición.

Os cortes de tráfico serán puntuais, de tal xeito que ao paso da proba deportiva se restablecerá a circulación. O corpo municipal lembra que, ao iniciarse o itinerario polas rúas de máis intensidade de tráfico (Praza de Galicia, Raíña Vitoria e Alameda), iso permitirá restaurar o tránsito de vehículos, en toda a zona, en menos de dez minutos.

A proba ten unha duración aproximada unha hora e celebrarase o vindeiro luns a partir das 17 horas, con saída e chegada na avenida de Montero Ríos.

A distancia será de 5.000 metros, para homes e mulleres, de todas as idades, polas rúas da cidade nun circuíto pechado ao tráfico namentres rexistre o paso dos corredores.

Aínda que a inmensa maioría dos participantes adoitan tomarse a San Silvestre como un evento lúdico e de diversión, no que prima máis o bó humor e a simpatía por riba das marcas, outros corredores aplican unha intensidad superior á media para ter o privilexio de gravar o seu nome no palmarés da emblemática proba. De ahí que exista unha ampla diferenza de tempos entre os que cruzan a liña de meta en primeiro lugar e os que chegan no vagón de cola.

A ruta prevista —como se pode apreciar no mapa que ilustra esta información— parte da avenida de Montero Ríos e continúa polas rúas Alameda, Raíña Vitoria, Praza da Libertade, Xeneral Rubín, Igresias Vilarelle, alcalde Hevia, Augusto González Besada, Praza de Galicia, Andrés Mellado, Peregrina, García Camba, Oliva, Marques de Riestra, Praza de España, Michelena, Soportais da Ferrería, Curros Enríquez, Real, Sarmiento, Padre Amoedo, Cruz Vermella, Bos Aires, Serra, Valentín García Escudero, Ponte, Arcebispo Malvar, Pardo Bazán, Xeneral Martitegui, Enrique Marescot, Praza de España e de novo volta á avenida de Montero Ríos, onde estará a meta. Tódolas persoas, nenos e maiores, que participen nesta edición recibirán un obsequio xunto co seu dorsal.

Comentarios