Sánchez Gordillo impartirá a lección de clausura da Semana Galega de Filosofía

O alcalde de Marinaleda será un dos protagonistas do ciclo da Aula Castelao, que tamén traerá á cidade a Silvia Federici e a César Rendueles

María Álvarez, Ana Acuña, Diana Vilas e Ana Regueira, este venres, na presentación da programación. GONZALO GARCÍA
photo_camera María Álvarez, Ana Acuña, Diana Vilas e Ana Regueira, este venres, na presentación da programación. GONZALO GARCÍA

Apoiou en plena crise, no ano 2012, a entrada duns sindicalistas en dúas grandes superficies comerciais para coller alimentos de primeira necesidade e entregalos nun comedor social. E fíxose famoso en toda España. É o mestre, político e sindicalista comunista Juan Manuel Sánchez Gordillo, que leva sendo alcalde de Marinaleda dende 1979, localidade sevillana onde presume de ter conseguido o pleno emprego ou o acceso á vivenda digna para toda a poboación. El será o encargado de impartir a lección de clausura da XXXV Semana Galega da Filosofía, que este vernes presentou a súa programación e que terá no común o seu eixe temático.

Á presencia xa anunciada, hai uns días no Concello, do filósofo e sociólogo César Rendueles, que é autor dos libros Sociofobia e Capitalismo canalla, sumánse agora outras como a da pensadora feminista ítalo-estadounidense Silvia Federici, que impartirá a conferencia inaugural, e o economista defensor da renda básica Daniel Raventós. As charlas, abertas ao público, celebraranse, entre o 2 e o 6 de abril, no Teatro Principal.

"O que queremos reivindicar é a recuperación do común nunha sociedade cada vez máis individualista", sinalou a coordinadora da Aula Castelao, Ana Regueira, na presentación do ciclo. "E facémolo cando cumprimos 35 anos. Pensamos que é unha data significativa porque se xa é difícil manter 35 edicións de calquera tipo de actividade cultural, éo máis aínda cando se trata dunha actividade relacionada coa filosofía, algo que parece que sobra na sociedade actual, como se fixo palpable na útima reforma educativa", explicou a coordinadora.

DEGRACIÓN. A idea de reflexionar este ano sobre o común ten que ver coa intención da Aula Castelao de axudar a repensar a sociedade contemporánea. "Decidimos crear unha semana na que falar desa idea de comunidade para pensar e debatir sobre o común na sociedade actual, unha sociedade que vive un proceso de degradación, onde as cousas cada vez van a peor", dixo. "O noso obxectivo pasaría por recuperar o diálogo e con el a construción dunha sociedade na que mereza a pena vivir".

A mestra Diana Vilas foi a encargada de presentar as conferencias que se impartirán polas mañás. Abriraas Silvia Federici achegando unha ollada de xénero. Despois virán Francisco José Martínez; a especialista en memoria Josefina Cuesta (que tamén ofrecerá esa semana unha clase na Universidade de Vigo como profesora convidada); Ángeles Ramírez falando sobre islamofobia e María Eugenia Rodríguez.

Ana Acuña, da Universidade de Vigo, indicou quen serían os ponentes das tardes e que temas tratarían, entre eles, o uso dos montes comunais, a integración da poboación estranxeira en Galicia e a música como mecanismo colectivo. "Cómpre rescatar o orgullo e o coñecemento do rural como fonte de cambio e de desenvolvemento sostible. Fagamos memoria para evitar o desastre".

Finalmente, a mestra María Álvarez repasou aos que serán os protagonistas das sesións das noites. Trátase da portuguesa Irene Flunser, Daniel Reventós, César Rendueles, o mestre e antropólogo mozambiqueño Aurelio Fabião (que xa estivo na Semana en 2014 falando de revolución) e Juan Manuel Sánchez Gordillo.

Comentarios