Equipo JA logra a vitoria nun concurso de murgas con gran presencia de Santa Clara

Los PTV, Murga do Naveiro e Os do Val do Lérez tamén participaron na que a compra do convento foi a gran protagonista
Equipo JA, gañador do concurso de Murgas. RAFA FARIÑA
photo_camera Equipo JA, gañador do concurso de Murgas. RAFA FARIÑA

"Santa Clara, Santa Clara xa é del, do noso amigo Miguel. Fixo trato coas clarisas. Mira que bonita é, di un que nunca foi á misa. Agora que gastou os cartos, regaloullo a Carmela, é máis difícil visitalo que no médico te atendan". Os do Val do Lérez, segundos con 64 puntos, non foron os únicos que apostaron polo tema do ano. Os gañadores foron Equipo JA (67), en terceiro lugar quedaron Los PTV (57) e, en cuarto, Murga do Naveiro (51).

A compra do convento polo Concello de Pontevedra, o prezo da luz, o coronavirus e as desgrazas da sanidade pública, as aventuras de Urdangarín e o rei emérito, os "fodechinchos", e mesmo os líos do PP, sen esquecer os chascarrillos da política local e o Benidorm Fest, foron os grandes temas da gran final do XXX Concurso de Murgas, celebrado este xoves pola noite no Pazo da Cultura. Despois dun ano de parón por culpa da pandemia, só participaron catro agrupacións, que non tiveron que pasar o filtro da segunda seminifinal. Foron, casualmente, as mesmas que en 2017: Os do Val do Lérez, Los PTV, Murga do Naveiro e Equipo JA.

Ademais, púidose seguir en directo a través de Youtube, chegando a congregar máis de 200 espectadores nalgún momento.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o gran ausente en persoa, pero non en espíritu, pois un trasunto seu subíu ao escenario cos murgueiros Los PTV. Outro dos grandes protagonistas foi o tenente de alcalde, Tino Fernández, que mesmo bailou o famoso tema de Dirty Dancing coa presentadora, María Carrera, unha auténtica raíña do enxeño e a diversión.

Os do Val do Lérez abriron a noite convertidos nun "rabaño inmunizado" ao ritmo das Tanxugueiras e Rigoberta Bandini, que ademais reivindicaron "a Galicia profunda" e metéronse cos políticos locais. "Con tantas Silvas, que se Carmela que se Carmen, eu me armo un follón. Unha é presidenta, din que ten moita familia, a outra é concelleira, e seca como unha lixa". Ou "Rafa, Rafa, por que non deixas a oposición, por moito que fagas non lle vas gaar ao de Marcón, que é cabezón. Unha retirada a tempo e feliz queda Guillermo".

Os do Val do Lérez. RAFA FARIÑA
Os do Val do Lérez. RAFA FARIÑA

Disfrazados de clarisas chegaron Las Sor-prendentes PTV’s fixeron un repaso pola actualidade da cidade e do mundo enteiro, con moita irreverencia. "Señor líbranos de todo mal, y no dejes que Reina Victoria sea peatonal. Bendice los frutos de tu convento antes de que Mosquera lo lleno todo de bandenes y de cemento".

Los PTV. RAFA FARIÑA
Los PTV. RAFA FARIÑA

En terceiro lugar actuaron os da Murga do Naveiro, que lle puxeron boa cara ao confinamento e criticaron a subida do prezo da luz a ritmo de C. Tangana, pero tamén lle mandaron recados a Lores ao estilo Georgie Dann ("En La Opinión entéraste do que sucede. ¡E Lores non quere, e Lores non quere! Está cansado non lle gusta que lle berren. ¡E Lores non quere, non quere escoitar!" e a Casado dedicáronlle a copla Atención á diversidade ("El Casado es el más torpe de los chicos de su pueblo. Casado, pepero"), sí como a de Esteso.

PAZO DA CULTURA Entroido Final do Concurso de Murgas Val do Lerez Equipo Ja Murga do Naveiro e PTV Hai que quedarse ata o final para ter fotos de todasHai que quedr
Murga do Naveiro. RAFA FARIÑA

Pechou a noite o Equipo JA, cunha santísima posta en escea, na que desde Santa María a San Pancracio, San Valentín ou San Benito non deixaron títere con cabeza. O protagonismo centrouse, entre outros, no xefe da Policía Local ("sei moi ben que anda Duarte vixiando, fajas o que fajas vaiche multar igual"), no botellón, na tarifa da luz ou a Igrexa. Pero a traca final tivo tres ilustres destinatarios: Tino Fernández ("Como nos jodeches, Tino, non deixabas duchas, nin vestuarios, ti na Xunqueira polo covid"), Rafa Domínguez ("Cando ti sexas alcalde, Pontevedra cambiará, onde agora temos lombos, volveremos a picar. Os enfermos de Montecelo para Quirón ti mandarás") e ao propio alcalde ("por que ten tantos ghuevos? Porque comprou Santa Clara").

Comentarios