Fernández Lores: "Síntome arroupado e quero seguir traballando por esta cidade"

O alcalde de Pontevedra, non pensa en xubilarse "Alguén lle pregunta iso a Biden?" pregúntase o rexedor, que prefire non falar do seu futuro político. Ten os pés no presente: en Santa Clara, que "entra como anel ao dedo no Museo", e na recuperación dos terreos de Ence, para o que pedirá colaboración de urbanistas internacionais. "A min gustaríame facer unha praia urbana aí", apunta 
Miguel Anxo Fernández Lores. DP
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores. DP
"A min os ataques persoais e as agresións reafírmanme nos meus posicionamentos. Síntome arroupado e quero seguir traballando humildemente por esta cidade. Estou na mellor forma posible dende o punto de vista político", díxolle onte Miguel Anxo Fernández Lores á prensa durante un almorzo informativo. O martes recibiu a Diario de Pontevedra na Alcaldía para facer balance de 2021. Que foi o peor do ano? "O covid-19, a xente que nos deixou, a xente que o pasou mal dende o punto de vista da saúde e as consecuencias económicas de toda esta pandemia coas que non se contaba". Pero tamén houbo cousas boas: "Foi un ano espectacular", asegurou o alcalde de Pontevedra, que nomea a consecución de catro fitos que, segundo el, "sentarán as bases da Pontevedra do futuro": a compra de Santa Clara, "que foi un éxito de xestión"; a sentenza de Ence, "que abre a posibilidade certa de recuperar a ría"; a ampliación do Hospital Montecelo, "polo que levabamos décadas pelexando" e a concesión da final das Series Mundiais de Tríatlon, "que significa proxección, capacidade de organización de eventos e que temos un modelo urbano atractivo".

Na Memoria dos Orzamentos di vostede que o 2022 vai ser o ano de Santa Clara. Por que?

O ano da compra foi o 2021, pero o ano de tomar decisións, de clarificar ben a que se vai dedicar, de estudar en profundidade o que signifi ca e de dalo a coñecer á cidadanía será o 2022. Será o ano do desfrute de Santa Clara. Porque Santa Clara é un museo en si mesmo. Agora é municipal. Non sabemos cando, ao mellor, será da Deputación. Pero, en todo caso, vai ser dos pontevedreses.

Foron difíciles as negociacións coas clarisas?

Foron negociacións correctas. Nós manifestamos no seu momento o noso desexo que Santa Clara non se perdera porque era un activo para a cidade. E fixemos todo o que tiñamos que facer para convencer ás clarisas para que se vendera. E se vendeu ademais por un prezo moi razoable. Un prezo de mercado. A ninguén se lle escapa que o valor é maior. Algunha xente falou de 12 ou 14 millóns de euros. Outra cousa é o valor real das cousas, porque iso necesita unha rehabilitación e un mantemento moi potentes.

É un morto Santa Clara para unha administración como o Concello?

É un activo importantísimo. Outra cousa é que nós cremos que Santa Clara, que é un edifi cio histórico que hai que conservar, entra como anel ao dedo á ampliación do Museo. Significaría dotar ao Museo con 30.000 metros cadrados construídos máis, colocándoo como o Museo provincial máis potente do Estado, se non o é xa. Como vai ser un morto se nós estabamos desexando compralo? Outra cousa é que a fi nalidade máis acaída é a de ser Museo de Pontevedra. E o propietario do Museo é a Deputación. Cando a presidenta (Carmela Silva) dixo que esperaba que outras administracións colaborasen, como non o van facer?

Entende o rexeitamento do PP á cesión do convento? Non. Como as vou entender?

Como vou dicir ‘quero que se compre Santa Clara, quero que sexa para o Museo pero non quero que se lle dea á Deputación’? É absolutamente inentendible? É unha metedura de zoco ata as orellas.

Domínguez teme que Santa Clara se converta nun Pazo de Lourizán, hoxe en ruínas, e que o edifi cio non se reforme pola lea entre dúas administracións. A que se refi re? A que a Xunta non vai facer nada no Pazo de Lourizán?

En 20 anos non se fixo nada. Se di iso é porque non se fía dos seus.

Que lle parece que as clarisas levaran bens do convento como parte dese acordo de compra?

Iso entra dentro das negociacións. As condicións son esas. Houbéranos gustado que quedaran aquí máis cousas, como o tímpano ou a imaxe de Santa Clara no cruceiro.

"Estou encantado. Teño un equipazo e o Goberno funciona ben. É o mellor que tivemos"

Hai restauradores que tildaron iso de "espolio"...

O máis interesado en recuperar Santa Clara en toda a súa dimensión e inmensidade é o alcalde de Pontevedra. Que a min me gustaría que houbera cousas que tiveran quedado aí? Si, pero ‘o lo compro o no lo compro’. Nós intentamos que houbera cousas que quedaran aquí, pero as condicións foron esas. Agora, a nosa preocupación máis importante é saber as determinacións de Patrimonio para ver que se pode modifi car, que se pode ampliar, o que hai que reducir e se se poden facer construcións como un soto sen afectar á estrutura existente.

Dará marcha atrás o Concello ao peche de Raíña Vitoria?

Nós cando vamos a predicar o modelo polo cal Pontevedra reduciu drasticamente o número de vehículos que entraban na cidade, deixando entrar só os vehículos necesarios, explicamos que hai dous tipos de tráfi co nos que incidimos directamente: os de paso e os de axitación, que son os que buscan aparcamentos en superfi cie. Todas as directivas se basean en reducir o número de coches que entran ás cidades, especialmente os de paso, e ampliar o espazo público. Ese é o modelo Pontevedra. Nós cando fixemos iso, había un eixo que é Ponte da Barca, Paseo de Colón, Raíña Vitoria, Praza de Galicia, Eduardo Pondal e estación de autobuses que funcionaba de ida e de volta e xeraba moitísimo tráfi - co en todos os lados. Era un tráfico de paso, porque se ía dun punto a outro da cidade.

Entón non vai dar marcha atrás...

Quero que se entenda. Iso forma parte do modelo e afecta a toda a cidade. Polo tanto é algo fundamental dentro do modelo de cidade. Temos que seguir reducindo tráficos de paso, tamén noutros sitios, se queremos facer unha zona de baixas emisións. O tráfi co reduciuse aí. Agora éntrase perfectamente pola ponte da Barca. E hai moita xente que vén andando. Pero hai outra que baixa ata a rotonda de San Roque, se mete por Palamios e segue pola Praza de Galicia. ‘Tú mismo, compañero’. E xente que vén de Manuel del Palacio, sube por San Roque e se pon a atascar Echegaray. Eu que lle vou facer? Se estás en Beiramar, sal pola ponte dos Tirantes e vai onde queiras. Se vas a Poio Pequeno eu entendo que vaias pola Ponte da Barca, pero se vas a Combarro non. Colle a circunvalación, que é moito máis rápido! Somos animais de costumes. Vamos sempre polo mesmo sitio. Hai tempo que dixemos que as cidades non son para os tráficos. En Raíña Vitoria non vive ninguén. É tráfi co de paso. Onde vive xente e hai comercios pasan (coches) igual, os que necesiten. Nós defendemos o tráfi co necesario para que a cidade funcione. E o tráfi co de paso non o é.

Por que coa peonalización de Monte Porreiro si se recuou?

Porque ese é un tema que afecta a un barrio determinado. Aí ao principio se dixo que si se quería (a peonalización), e logo se dixo que non. Tiñabamos un anteproxecto feito. Se iso afectase a toda a cidade, obviamente que o teríamos feito, como o de Raíña Vitoria, porque é un proxecto global.

Renuncia a ese proxecto en Monte Porreiro?

A vida dá moitas voltas. Nós vamos seguir traballando, pero noutras cousas.

Vostede chegou a comparar a oposición de Monte Porreiro coa dos primeiros anos da peonalización no centro da cidade, hai xa máis de 20 anos…

Nós temos unha responsabilidade. E fixemos cousas que ao principio non gustaron. Agora temos unha lexislación que di que as cidades de máis de 50.000 habitantes teñen que ter zonas de baixas emisións. Hai dúas alternativas e unha terceira, que é a nosa. A primeira é cobrar por pasar. A segunda é poñer un pastón en cámaras e controlar as etiquetas para que non entren máis vehículos dos que teñen que entrar. E a terceira vía, a nosa, é demostrar que reducindo os tráficos cumpres coa lexislación vixente de redución da contaminación. E aí estamos pelexando nós. Dende hai un ano xa. Tiven entrevistas coa ministra de Transición, con este e co outro. ‘¿Me quieren meter el lobby eléctrico por las narices?’ Vai ser que non. Porque é un agravio (cobrar ou poñer cámaras) para os cidadáns.

Cre que os conflitos que ten en Raíña Vitoria ou que tivo en Monte Porreiro lle poden custar caro nas urnas, como suxire o Partido Popular?

(Funga) Que se abrir o tráfico en Raíña Vitoria, que se o autobús ten que pasar pola Michelena… Está perfectamente claro que o Partido Popular está en contra do modelo urbano. Logo, estas movidas teñen que ver tamén con outras cousas. Con certos posicionamentos de persoas: ‘hai eleccións e nos vamos colocar para facer cousas’. É lexítimo. Outra cousa é que nós temos unha responsabilidade porque levamos executando o modelo urbano durante varios mandatos. E vamos a seguir facéndoo.

"Jacobo Moreita tiña máis capacidade e máis idea do que ten Domínguez, que un día di unha cousa e outro dia outra. É un 'veleta'"

Volverá a presentarse vostede ás eleccións?

Eu agora estou encantado. Dentro das dificultades existentes, están saíndo as cousas bastante ben. E o ano 2021 foi frutífero en termos de avance e de sentar bases para o futuro. Eu vou seguir traballando. Agora non é o momento de opinar sobre esa cuestión. Eu estou encantado porque teño un equipazo de xente e o Goberno funciona ben. Para min é o mellor Goberno de coalición que tivemos. E tivemos varios. Este é o mellor. Con respecto por parte de todos os concelleiros, cada un coas súas responsabilidades. Estou contento con como está a ir (o bipartito).

Di o PP que a vostede non lle vai quedar máis remedio que presentarse en 2023 porque non hai recambio no BNG…

(Silencio, logo risas). Eu non opino sobre o que di o PP (outro silencio). Se falará no seu momento. E o BNG, como fixo sempre, decidirá quen é a persoa máis axeitada para encabezar. Non porque sexa o máis listo, o máis novo ou o máis vello, senón por quen pode conectar mellor e quen pode resultar máis atractivo para seguir avanzando.

E agora mesmo é Miguel Anxo Fernández Lores?

Iso vamos a discutilo cando o discutamos. O PP dixo que ía nomear agora a todos os seus candidatos. Nós aínda non temos decidido iso. Nós facemos iso colectivamente.

Ten ganas de seguir na primeira liña da política?

As cousas van indo ben e hai moitas cousas por facer, porque as hai… A vida política municipal é moi complicada.

Non pensa en xubilarse...

Alguén lle pregunta iso a Biden? Eu estou moi contento aquí. Cun equipo moi potente de xente. Cuns resultados de xestión municipal que son a envexa de moita xente. Estamos na boca de todo o mundo. Queda moito por facer.

O PP intensificou a oposición hacia a súa figura. Entre as últimas críticas está a compra do coche oficial da Alcaldía. Domínguez considérao un "capricho". Que opina?

Eu prefiro non contestar a iso. Eu se quere dígolle o que opino de Rafa Domínguez.

Que opina de Rafa Domínguez?

De Rafa Domínguez... (bufa). Por contraposición, Jacobo Moreira tiña máis capacidade e idea do que ten este señor, que non ten absolutamente ningunha. Varía de opinión cada dous por tres, especialmente se llo di a Xunta. El vai cambiando de tocata. Un día di unha cousa e outro día di outra. É un pouco ‘veleta’.

"O mercurio hai que sacalo de aí porque ao final acaba entrando na cadea trófica e afecta ao xénero humano"

Hai caso na denuncia que presentou o PP diante da Fiscalía polo alugueiro da planta de compostaxe da Canicouva?

Eu creo que non. Ese é un trámite que está con todas as bendicións dos técnicos pertinentes. E nada máis. Eles seguen insistindo. Eu xa perdín a conta de cantas veces foron ao xulgado con estas cousas. E perderon sempre. Perderon. Sempre. E nós non temos a xustiza de man. Nin a Audiencia Nacional nin o fiscal xefe. Non están abducidos polo BNG. Nin eles nin ninguén. Cal é o seu programa? Cal é o programa do Partido Popular? Non sei… Facer desaparecer os composteiros? Levantar os ‘lombos’? Abrir tráficos? Cal é o seu programa? Non hai ningunha cousa coherente no seu programa, agás defender sempre o que manda o PP. Sexa a nivel de Estado ou o que diga a Xunta. Porque todo o que fai a Xunta está ben, aínda que estea mal. Iso non é serio.

Lores pecha empresas?

Pero como vou a pechar empresas? Iso é unha tontería. A ninguén lle gusta pechar empresas. Eu non pecho empresas. Eu defendo os intereses dos pontevedreses. E díxeno abertamente en todas as eleccións municipais e en todas as campañas: eu quero recuperar a ría para todos os pontevedreses. A fábrica (de Ence) pode estar noutra ubicación. En moitas cidades fixéronse deslocalizacións de empresas que estaban en espazos urbanos, sexa en Barcelona, Madrid ou Bilbao. Pero aquí non.

Segue a ser unha espiña cravada para o alcalde de Pontevedra que Ence saia da ría?

O ideal sería que os que son competentes fagan os seus deberes e trasladen a empresa. A empresa, primeiro. E, logo, as administracións. Se falamos de cambio climático, de respectar o medio ambiente e de non facer recheos hai que actuar. O PP da Xunta aprobou leis de ordenación do territorio e de protección do litoral. En 2011 dixeron que Ence tiña que marchar. Está nas hemerotecas. E, de súpeto, cambiaron de opinión coa escusa de que non encontraban un sitio. Pois fágano expresamente!

A Xunta volve defender a adscrición dos terreos da fábrica ao Porto de Marín e Ence vén de reactivar a tramitación para ampliar a súa instalación en Lourizán sen ter en conta a sentenza (non firme) da Audiencia Nacional que anula a súa prórroga…

Será para lavar a cara diante dos traballadores. Porque non están facendo nada para garantizar que a fábrica siga producindo. Eu xa teño moitas dúbidas de que Ence queira seguir producindo en Galicia, en Pontevedra ou onde sexa. Pregunteillo nunha das últimas reunións ao director (de Ence) e non me contestou. Empéñanse nunha cousa imposible: pasar por riba do dereito medioambiental e da Ley de Patrimonio, que aprobamos todos. Unha concesión non pode durar máis de 75 anos. Como poden defender semellante cousa? Ningunha concesión. Nin un parking. Non se pode. E se supera os 75 anos hai que sacala a contratación. A ampliación a 60 anos (da prórroga) é ilegal. E iso é o que lle dixo a Audiencia Nacional. Polo tanto, ten que marcharse.

Entende aos traballadores que defenden os seus postos aí ou fóra de Lourizán?

Hai traballadores que din que a súa saída ten que ser nunha ubicación alternativa, viable e de futuro. Eu esíxolle á empresa que faga iso. Hai un sector moi importante de traballadores da está plenamente convencido de que non se está facendo iso. Ence está intentando agarrarse a un ferro ardendo para manter os privilexios que ten. Iso é unha especie de dereito de pernada.

Que lle parece o papel que están a desempeñar a empresa, a Xunta e o Estado neste conflito?

O papel da Xunta é nefasto e pouco serio. Vai en contra da súa propia lexislación e vai en contra de posicionamentos anteriores do seu presidente (Alberto Núñez Feijóo), que non se preocupa doutras empresas destas características. A empresa está ao sol que máis quenta. Un pelotazo de 3.000 millóns en 60 anos, interésalle. Están enganando aos traballadores que se queren deixar enganar. Pero hai a outros que non. Os outros queren traballar. E para facelo hai que buscar un sitio. E o que dixo a Administración central é razoable: a lexislación di isto, a Audiencia di isto e imos intentar darlle unha voltiña para ver se podemos colaborar nese traslado, ata certo punto. Incluso van contratar un estudo de alternativas.

Vostede que faría cos terreos que ocupa Ence en Lourizán?

Non o sei. Pero, evidentemente, usos públicos. A min gustaríame facer unha praia urbana aí, alomenos nunha parte. E logo xa veremos. O ano que vén vamos ter aquí un congreso, o Placemaking Europe, e unha das cousas que lle vamos pedir é que pensen que se pode facer en Lourizán. Van vir 400 persoas, que son urbanistas e especialistas en deseño urbano. E ímolo a ver. Aquí hai nove celulosas e só hai unha en liña de costa. En Europa hai moitas e reciclan a auga que están gastando. Ence pode facer o mesmo noutro lugar.

Elnosa está en fase de desmantelamento e Ence sinalou nun informe á Xunta que atopou mercurio procedente da antiga cloreira. Realmente cre que eses terreos de dominio público serán recuperables?

O mercurio hai que sacalo de aí. Porque ao final acaba entrando na cadea trófica e afecta ao xénero humano. Demostrouse en Minamata (Xapón). Hai que descontaminar e sacar os lodos que haxa que sacar. Hai métodos para facelo. É unha obriga da empresa que fixo iso. Que pasou a Celulosas? Se hai mercurio en Celulosas, é que se escapou de Elnosa. Terá que ser a administración pertinente a que faga os controis.

Cre que a Xunta controlou suficientemente esta situación?

Non, non o creo. E moito máis cando Celulosas recoñece que contaminou. Eu paso por aí todos os días e aínda cheira. Que melloraron? Si. Pero segue cheirando. O dos ‘olores cero’ levámolo escoitando moitísimos anos. Mentira todo.

Acaba o ano cun conflito laboral cos funcionarios da casa, do Concello. Ve posibilidades de desatascalo?

Nós dixemos ao principio neste mandato que unha das cousas que íamos facer, aparte de seguir avanzando no modelo urbano, era modernizar a administración para poñela ao servizo dos cidadáns. Fíxose un esforzo grandísimo en moitas cousas: na dixitalización, na mellora das condicións dos traballadores con obras en case todas as dependencias, mellorouse o teletraballo… Pode haber disfuncións, pero hai que asumilas. En todo caso, hoxe, temos unha administración máis eficiente que hai catro anos. Que iso xera problemas? Irémolos incorporando ao devir.

Comentarios