A Santa Compaña anda polos videoxogos

Tres equipos da UVigo deseñan tres xogos a partir do guion da longametraxe 'Os mortos van á présa', de Ángel de la Cruz ►A mitoloxía galega, o terror e os puzzles centraron as propostas
Unha da reunión dos equipos. UVIGO
photo_camera Unha da reunión dos equipos. UVIGO

O Campus Crea segue a dar os seus froitos. Nesta ocasión no eido dos videoxogos. E é que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación traballaron conxuntamente no deseño dun videoxogo, inspirado no guion da longametraxe Os mortos van á présa, de Ángel de la Cruz.

Divididos en tres grupos, os estudantes desenvolveron conxuntamente a primeira fase dun videoxogo que onte presentaron ó gañador de tres premios Goya e a dous profesionais da industria, o compositor musical José Luis Castro e a ilustradora Olalla Ferrando.

O guion da película de De la Cruz foi o punto de partida destes tres proxectos, e os modelos tridimensionais, elaborados por Fernández, que recrean a parroquia ribadense de Rinlo na que se ambienta historia. A partir de aí deixaron a súa creatividade, talento e coñecementos traballar.Así, por unha banda o equipo denominado Kiframe desenvolveu un xogo que xira arredor da "mitoloxía galega e que po o foco na Santa Compaña". O seu propósito, explicaron en declaracións ó Diario da Universidade de Vigo, foi combinar o "ambiente misterioso da vila" coas características do xénero survival horror, que "crean o escenario perfecto para mostrar unha Galicia moi fantástica e terrorífica", dixeron.

Alumnado de Ciencias Sociais e 'Teleco' crearon as propostas

Pola súa banda, o grupo Countdown apostou por "facer unha aproximación amable da historia orixinal" dando forma a unha "aventura de puzzles", dirixida a un "gran rango de audiencia". Finalmente, o equipo Triade Studios optou por combinar estes dous xéneros, os xogos de puzzles e de terror, na súa proposta. Así, no xogo, a protagonista ten que resolver problemas nas fases que teñen lugar durante o día, "mentres que nas fases pola noite fuxe dos espíritos da Santa Compaña".

É o cuarto ano no que a Uvigo impulsa esta actividade ó abeiro dunha iniciativa do grupo de innovación docente ComTecArt. O obxectivo é achegar ó alumnado de diferentes titulacións ós procesos de traballo que se desenvolven nesta industria en auxe. Eles tiveron a oportunidade de poñer en común distintos coñecementos das súas especialidades.

As docentes de Ciencias Sociais Beatriz Legerén, Mónica Valderrama e o profesor Luis Fernández, xunto cos da EE de Telecomunicación Antonio Pena e Enrique Costa coordinan a proposta na que participaron estudantes dos graos en Comunicación Audiovisual e Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, que integraban as tres "produtoras" que debían desenvolver o primeiro nivel dun xogo, así como alumnado de Publicidade, que se responsabilizou das accións de difusión dos seus proxectos. A covid-19 obrigou a que o traballo dos diferentes grupos se desenvolvese de xeito virtual.

Comentarios