Santiaguiño regresa á casa dos Tobío

A familia da Santiña volveu recibir o santo e os veciños do Burgo tras dous anos saíndo en solitario en procesión
Procesión pola Rúa Santiña. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Procesión pola Rúa Santiña. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Parecía que a néboa non daría tregua durante o día, mais a imaxe do Santiaguiño puido finalmente saír acompañado da veciñanza e do bo tempo, tras dous anos de soidade e procesións simbólicas debido as restricións pola pandemia.

Á procesión, que saía pola porta da igrexa do Burgo tralo acto eucarístico, adornada con cabazas de peregrinaxe, millo e uvas, foi encabezada polo grupo Gaiteiros das Rías Baixas.

Ademais de fieis e devotos, achegáronse primeirizos. Por exemplo, unha profesora xubilada "porque quería verla por curiosidad" despois de residir toda a vida fóra da Boa Vila.

Posta das uvas e do pendón de millo no Santiaguiño. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Posta das uvas e do pendón de millo no Santiaguiño. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Púidose ver tamén moita xente do propio barrio. Rafael Sánchez, membro da Xunta Parroquial, declarouse "sorprendido" este ano pola afluencia de "jóvenes y niños" e "gente en peregrinación" trala pandemia, aínda que lamentou que se perdese o pincho posterior.

A través da Rúa Alejandro Sesmeros o santo percorreu a Santiña até chegar á casa da familia Couto, descendentes dos Tobío (apelido de onde ven realmente a tradición aínda que máis tarde as familias fixéronse unha).

Iria, a bisneta, conta que o costume vén de "dos o tres siglos atrás, desde el 1600", debido á cepa da uva, que ten a particularidade de madurar en xullo e non en setembro. A lenda conta que o Apóstolo Santiago pasou por ese lugar en peregrinaxe e déronlle hospedaxe. El, como agradecemento fixo o miragre de que as uvas e o millo madurasen antes que ningunha outra colleita en toda a zona. De feito, di que non saben a que se debe, por iso analizaron as cepas, despois de que unha secase hai dous anos, e están intentando clonalas para non perdelas por pragas ou danos meteorolóxicos.

Nenas que se achegaron ata a casa dos Couto-Tobío. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Nenas que se achegaron ata a casa dos Couto-Tobío. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Seu pai, por outra banda, explica que antigamente o millo era cortado e posto no santo por un primo carnal de súa nai, que vivía na casa do lado, mentres que as uvas eran colocadas pola súa nai debido ao reparto dos terreos a través das herdanzas. Agora todo é feito pola mesma familia –Couto–, porque este é o apelido do achegado –masculino– e o que perdurou.

Este luns a celebración continúa cunha misa ás 12.30 horas trala cal sairá a procesión, na que participará o grupo de gaiteiros Os Algures. Pola noite actuará a orquestra La Nave (22.30 horas) e, como se viña celebrando tradicionalmente, terá lugar un espectáculo de pirotecnia ás 00.00.

Comentarios