O santo das gorxas está de festa

Salcedo celebrou a festividade de San Brais nunha fin de semana con baile, música, devoción e xogos populares  Houbo misas ao longo do domingo e unha sesión de danza á tarde
Imaxe da procesión no entorno da capela de San Brais. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Imaxe da procesión no entorno da capela de San Brais. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Chegou o día de San Brais. Unha das festividades con máis devoción na parroquia pontevedresa de Salcedo celébrase hoxe, aínda que chega precedida dunha fin de semana ateigada de programación arredor do día do santo das gorxas.

Deste xeito, a asociación de veciños Salcedo Norte leva dende o pasado venres festexando o día de San Brais. Deste xeito, ao longo da última fin de semana leváronse a cabo campionatos de xogos populares como a chave e a petanca. Os equipos gañadores dos mencionados concursos recibiron o sábado os correspondentes premios da man do edil de Deportes, Tino Fernández

Así, no campionato de petanca, o primeiro posto foi para o equipo Centro Social; o segundo, para Corticeiras; o terceiro, para Amigos de Campolongo e, por último, o cuarto, para Mirados. No torneo de chave, os gañadores foron Emilio Abal, Fernando Faro e Juan Martínez, que acadaron o primeiro, segundo e terceriro posto, respectivamente.

Pero durante a fin de semana houbo tamén música e baile, ademais do xa tradicional culto ao santo que fai milagres polos doentes con afeccións vencelladas á gorxa, Así, durante a mañá deste domingo, os fieis acudiron á misa solemne das 13.00 horas seguida dunha procesión polo entorno da capela de San Brais coa compañía de Os Afoutes do Canón de Pau. Houbo tamén ofrendas ao longo da tarde en diferentes horas. 

O edil de Deportes entregou o sábado os premios aos gañadores dos campionatos de chave e de petanca

Desta vez, a organización non colocou carpa con 'pulpeiro' nas inmediacións da capela xa que as previsións falaban de mal tempo, aínda que finalmente o sol saíu na véspera de San Brais. "Arriscabámonos a que o pulpeiro que contratasemos non tivese beneficios no caso de que fixese mal tempo, estas son unhas datas complicadas", comentaban este domingo membros da organización.

Tamén este domingo, pola tarde, celebrouse unha sesión de baile a cargo do Trío Trever. Por outra parte, o venres á noitiña, tamén no marco das celebracións na honra do santo, o Centro Sur, onde se celebraron a meirande parte das actividades, acolleu un festival de cantos que reuniu a corais e outras agrupacións musicais e aos seus cantores. 

Actuaron Máis Cantos Pontevedra, Coral Alameda, Os Saljariteiros e a Coral Polifónica de Pontevedra nun evento que reuniu a 200 persoas. Tamén foi un éxito o serán celebrado na noite do sábado no mesmo lugar, no que se deron cita ata doce grupos musicais para interpretar as súas pezas. Os asistentes non puideron evitar deixarse levar polo baile.

Comentarios