"Un bo mestre debe ter vocación, crer no cambio e no futuro da educación"

Orixinaria de Tomiño, Sara Pazo rematou con honra o grao de Educación Primaria no campus de Pontevedra, un recoñecemento ao esforzo destes últimos anos
Sara Pazo Pousa, Premio Extraordinario de Grao. CEDIDA
photo_camera Sara Pazo Pousa, Premio Extraordinario de Grao. CEDIDA

SARA PAZO POUSA (Tomiño, 1998) é unha dos once egresados do campus de Pontevedra no curso 2020-2021 que este venres recolleu o Premio Extraordinario de Grao. No pasado mes de xuño rematara o Grao en Educación Primaria cunha nota media dun 9,4.

Agardaba recibir esta distinción? Que supón para vostede?
O certo é que si que a agardaba, porque se me foron concedendo os premios de excelencia académica da Xunta ao longo da carreira por ter a mellor media da clase en cada curso. Para min, esta distinción supón o recoñecemento ao esforzo que fixen ao longo destes últimos anos. Trátase dun premio que me motiva a seguir mellorando e crecendo tanto a nivel persoal como profesional.

Unha vez rematada a carreira, cal é o seu próximo obxectivo?
Este ano estou preparando as oposicións ao corpo de mestres de Educación Primaria e ao mesmo tempo estou facendo un máster en neuropsicoloxía e educación na UNIR. Ademais, colaboro co grupo de investigación Gies-10 da UVigo. En canto ao meu proxecto de futuro, unha vez aprobe as oposicións e o máster, gustaríame facer un doutoramento para adentrarme no mundo da universidade e por suposto, seguir formándome.


Sempre quixo ser mestra?
Si, sempre quixen ser mestra, encántanme os nenos e as nenas e creo que a educación é unha ferramenta que pode cambiar o mundo. Encantaríame poñer o meu grao de area para conseguir ese cambio tan necesario e importante.

Que considera que debe ter un bo mestre para exercer a súa profesión?
Na miña opinión, un bo mestre debe ter vocación ante todo. Ten que ser unha persoa competente, que sexa quen de reinventarse e, sobre todo, que crea no cambio e no futuro da educación.

A proposta do Ministerio é un bo sistema para asignar unha praza a persoas que levan anos sendo interinas

Como valora a proposta de reforma presentada polo Ministerio para endurecer o acceso á profesión do maxisterio, que incluiría unha proba específica?
Ao meu parecer, todo cambio que supoña melloras é bo. Considero que é un bo sistema para axilizar as listas e asignarlle unha praza a esas persoas que levan anos sendo interinas. Que pasa? Que ás persoas que estamos empezando coas oposicións, limítanos moito porque se reducen as posibilidades de sacar unha praza á primeira. Polo tanto, creo que é unha medida moi necesaria que, aínda que no meu caso non me favorece, será moi positiva de cara a un futuro próximo.

Maioría feminina nas distincións do campus
Sara Pazo é unha das once persoas graduadas no campus de Pontevedra no curso 2020- 2021 que foron distinguidas co Premio Extraordinario.

Delas, só hai tres rapaces: Gabriel Eduardo Suárez Fernández (Enxeñería Forestal), David Solleiro Durán (Ciencias da Actividade Física e o Deporte) e Eduardo Corral Rozalem (Enxeñería Mecánica), no Centro Universitario da Defensa de Marín.

As demais galardonadas son Nerea Cordeiro Cerviño (Belas Artes), Irene Curra Piñeiro (Educación Infantil), Olga Grande García (Fisioterapia), Iria Núñez Casás (Dirección e Xestión Pública), Ana Argüelles Blanco (Comunicación Audiovisual), Eugenia López González (Publicidade e Relacións Públicas) e Antía Casal Seijo (Enfermería).