Sara Vila: "Escribir é moi bonito, pero hai que ter tempo, cartos e unha habitación propia"

Unha moza que desaparece durante o verán da pandemia e a xornalista do periódico local á que lle toca cubrir o suceso son as dúas protagonistas principais de ‘Oito días sen Eva Cortes’, a historia coa que Sara Vila debuta na novela e que lle valeu o premio Illa Nova, de Galaxia
A xornalista e escritora Sara Vila. GONZALO GARCÍA
photo_camera A xornalista e escritora Sara Vila. GONZALO GARCÍA

A PROSA SÓLIDA e o "magnífico ritmo narrativo dende o inicio" son algunhas das cuestións que o xurado do último Premio Illa Nova destacou de Oito días sen Eva Cortes, o texto que a Sara Vila (As Neves, 1989) lle valeu este galardón da editorial Galaxia. "Impúxose por unanimidade ás demais obras presentadas pola súa solvencia narrativa, pola historia que atrapa dende o primeiro capítulo e polo tratamento de moitos temas de plena actualidade dende o cuestionamiento", indica o selo. Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e redactora do Diario de Pontevedra dende 2012, Vila xa gañara o primeiro premio do Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, do Concello de Redondela, en 2016 e o segundo premio do certame Comunicar en Igualdade, da Xunta de Galicia, en 2019. Agora debuta na novela cun thriller no que recoñece que se nota que a autora é xornalista e é feminista.

Quen é Eva Cortes, a muller que lle dá título á novela?
É unha moza de vinte e tantos anos que vive nunha cidade que se chama Pontevella e que desaparece durante unha fi n de semana. Isto ocorre no contexto da pandemia. Non hai lecer nocturno, así que os interrogantes son maiores. Nos primeiros días pénsase que ela puido marchar por vontade propia. Pero a súa nai e a súa familia alertan dende o principio de que ese comportamento non é normal. En realidade, o desta moza podería ser, por desgraza, calquera deses casos de desaparición de mulleres tan habituais nas noticias. Isto non quere dicir que estea inspirado en ningún caso real. Non é Diana Quer nin Sonia Iglesias.

Aínda que falando da desaparición dunha muller nunha cidade que se chama Pontevella é moi difícil non pensar en Sonia Iglesias.
Pero non é ela nin ningunha outra muller real. Isto é algo que quero deixar moi claro. Non quixen facer nada diso porque entendo que detrás de casos coma estes hai moita dor, dor da familia, dor dos amigos... Pero esta é unha realidade que está aí e que nos pode tocar a calquera de nós polo feito de ser mulleres. Independentemente de que a trama non estea inspirada nun caso concreto é crible porque está á orde do día.

A outra personaxe central desta historia é Antía Ubeira, a xornalista que cubrirá esta desaparición. Un alter ego?
Non, tampouco. Antía Ubeira podería ser unha versión de min mesma, pero afortunadamente non son eu porque é unha muller que está moi cansa da súa profesión, moi frustrada con ela... Eu, de momento, son algo máis optimista. A maiores, ela está pasando por un momento persoal difícil. E si, a nivel laboral sente bastante desidia. Antía Ubeira é unha persoa que poderiamos atopar en calquera redacción debido á situación da profesión, de todos coñecida. Á situación da nosa profesión en particular e de moitas outras. Non é ninguén en concreto, pero eu si que me podería recoñecer por días en Antía Ubeira. Calquera que sexa xornalista e coñeza como se traballa nos medios locais recoñecerá moitas cousas. Pois, por exemplo, que un día te teñas que adicar a cubrir un tema cultural e ao seguinte, un suceso coma este.

Non me inspirei en ningún caso real. A miña protagonista non é nin Diana Quer nin Sonia Iglesias. Poderiamos ser calquera de nós polo feito de ser mulleres

A editorial Galaxia indica que na novela se achega "a temas como o sensacionalismo xornalístico ou a estratificación das redaccións dun xornal". Serviulle a novela para facer unha reflexión sobre os problemas que existen nos medios de comunicación?
Si, claro. É que este é o mundo do que máis sei porque é ao que pertenzo. Coñézoo ben e podo criticalo. A novela serviume para afastarme un pouco e velo dende fóra. A veces estamos metidos na dinámica dunha redacción e non reflexionamos sobre como certos contidos poden facer dano. Mesmo a perda do dereito ao anonimato por parte dunha vítima. Por enriba de desaparecer, perdes o control sobre a túa vida e sobre os teus segredos, que ninguén tería por que coñecer e que acaban expostos nos medios.

Oito días sen Eva Cortes é unha novela feminista?
É unha novela que ten o meu punto de vista e eu son perfectamente consciente de que teño todo o tempo os anteollos violeta postos. E non o podo evitar. Non podo evitar que na novela quede patente o que penso de certas cousas, por exemplo, sobre o xornalismo. Porque, ás veces, veste metida no medio de algo no que non te sentes representada para nada: formas de traballar, contidos... Se falamos de feminismo é o mesmo. Hai detalles cotiáns detrás dos que te decatas que está o machismo e non podes deixar de ser consciente.

Entón Pontevella non é Pontevedra e o Correo de Pontevella non é o Diario de Pontevedra?
A ver, Pontevella é evidente que é Pontevedra. Recoñécese facilmente. Hai un río que se chama Leiro, unha Illa das Esculturas... A paisaxe e a cidade están presentes. Foi inevitable. Necesitaba agarrarme a algo real, supoño que por deformación profesional. Pero o Correo de Pontevella non é o Diario. É un periódico local ficticio. Para crealo empreguei cousas da redacción do Diario e das outras polas que fun pasando en Ponteareas, en Vigo e en Santiago. Hai un pouco de todas.

Como foi que naceu esta novela?
No confinamento. A novela está ambientada no mes de setembro, pero xa antes foi cando comecei a escribir un relato sobre a desaparición dunha rapaza, que era algo que xa tiña en mente dende había moito tempo. Nos peches de mobilidade de despois do verán e de comezos de ano foi cando a historia medrou máis e decidín estruturala por capítulos e acabar de escribir unha noveliña.

É unha novela que ten o meu punto de vista e eu son perfectamente consciente de que teño todo o tempo os anteollos violeta postos. E non o podo evitar

E que supón para vostede que a súa primeira novela sexa recoñecida cun premio?
Foi unha sorpresa moi grande e recibino con moitísima emoción.

O xurado destacou que empregara tres voces narrativas.
Si, emprego a da xornalista, a da propia Eva Cortes a través dun diario e a dun rapaz implicado no caso.

Gañou un premio de relato, agora un de novela... A xornalista déixalle sitio á escritora.
Escribir ficción é moi bonito. A min é algo que me gusta, que me entretén e que incluso me relaxa. Durante a pandemia, por exemplo, axudábame a distraerme. Pero para escribir hai que ter tempo, cartos e unha habitación propia, como dicía Virginia Woolf. Noutras circunstancias non podería telo feito.

Comentarios