A sardiña dobra o seu prezo dende o sábado e ronda os 20 euros o quilo

A escaseza do peixe azul e a elevada demanda encarecen o produto ► Os asadores reciben o dobre de encargos que outros anos
A venta de sardiñas, na Praza de Abastos. DAVID FREIRE
photo_camera A venta de sardiñas, na Praza de Abastos. DAVID FREIRE

Non hai San Xoán sen sardiña, nin sequera no ano no que o coronavirus o mudou todo. Das ganas de celebrar que ten a poboación quedaron este martes probas no Mercado de Pontevedra, que recibiu numerosa clientela á prucura de sardiñas para celebrar a noite máis máxica do ano. Pero non todos marcharon satisfeitos. Había poucas e eran caras. O prezo do peixe azul chegou a rondar os 20 euros na mañá do martes.

"Non contabamos con que subira tanto, sobre todo ao non haber fogueiras, pero a xente compra igual para facer festas nas casas", explicaba un peixeiro na Praza de Abastos mentres amosaba unha caixa que na lonxa lle custara 200 euros. "Normalmente unha caixa coma esta pagámola a 50 euros, así que bota contas, está tres veces máis cara do normal", explicaba o home. Mentres, un cliente botaba un ollo ao xénero e decidía pospoñer a sardiñada para outro día. "Viña a buscar algunhas para esta noite, pero as grandes están moi caras, hainas medianeiras, pero son demasiado pequenas", resolvía antes de dirixirse á carnicería para mercar churrasco.

O elevado prezo das sardiñas, que ao longo da fin de semana rondaron os dez euros, fixo que moitos cambiaran de opinión e se decidisen por unha opción máis económica, a costela de porco. O prezo, menos variable que o do peixe, estaba este martes entre os seis e os sete euros para cada quilo. Para os que se decantan pola opción do churrasco, o máis demandado é a costela de porco e os criollos. "Tamén vendemos algo de tenreira e polo, pero menos", contaba unha carniceira, que engadía que tiña numerosos encargos desta carne para a mañá do martes. "Máis ou menos os mesmos que todos os anos", contaba.

Pero a estrela do San Xoán é a sardiña e había quen non quería renunciar a ela. Porén, na mañá do martes non era fácil de atopar para os que non foron madrugadores. "A min xa non me queda da grande, a de motora, esa vendeuse entre 16 e 18 euros, agora teño do xeito, a máis pequeniña, a doce euros", explicaba outra das peixeiras da Praza. "Nós acabamos xa todas as sardiñas grandes, temos as medianiñas a dez euros o quilo, pero tamén se están acabando", explicaba outro dos vendedores da praza pasadas as 12.00 horas do mediodía.

O prezo da sardiña subiu tamén con respecto ao ano pasado, cando o quilo se vendeu a uns 15 euros polo San Xoán. "A xente segue vindo a comprar igual que nos outros anos, ademais agora, como empezamos a facer encargos a domicilio dende a pandemia da covid, hai xente que segue pedindo", explicaba o vendedor.

NOS RESTAURANTES. A tradición das sardiñas polo San Xoán vén de lonxe e arraiga nas numerosas sardiñadas populares e comunitarias que se celebran todos os anos en toda Galicia. Porén, este ano a práctica totalidade das festas arredor do solsticio de verán foron canceladas pola pandemia e o San Xoán celebrouse en familia. Notárono tamén moitos restaurantes e asadores que recibiron multitude de encargos para a xornada do martes.

"Encargouse moito máis que noutros anos. Máis que para comer aquí, para levar para casa, eu diría que temos o doble de pedidos do normal", explicaban onte no asador O Remo, en Poio, onde tiñan previsto despachar uns 200 quilos de churrasco só na noite de onte. A ración estaba nos nove euros e tamén se venderon sardiñas a 1,50 euros a unidade, acompañadas con pan de millo e cachelos.

"Non paran de chamarnos para facer encargos. Ogallá teñamos moito traballo este verán, ogallá! Hai que levantar este país que está moi triste", exclamaba unha traballadora do restaurante feliz de recuperar algo semellante á normalidade nunha noite de San Xoán marcada pola pandemia.

Comentarios