"Se é machista, non é xustiza"

O BNG celebra en Pontevedra un encontro de traballo para avanzar no feminismo desde Galicia

Ana Pontón (no centro) foi a encargada de abrir o acto, ao que tamén acudiron membros dos gobernos local e provincia. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Ana Pontón (no centro) foi a encargada de abrir o acto, ao que tamén acudiron membros dos gobernos local e provincia. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Baixo o lema '8-M, e agora que?', o Bloque Nacionalista Galego celebrou este sábado na cidade de Pontevedra un encontro de traballo e debate adicado a afondar nos retos que se deben afrontar desde Galicia para avanzar no camiño do feminismo.

O acto, celebrado no Centro Sur, reuniu a numerosas participantes, entre as que estiveron unha ampla representación do Goberno municipal, a deputada provincial Eva Vilaverde e a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, que foi a encargada da sesión de apertura e que se amosou "máis orgullosa que nunca de ser galega e feminista" e "dun país que sae cada vez máis á rúa" para denunciar o machismo e a desigualdade entre mulleres e homes.

O rexeitamento frontal á polémica sentenza da 'manada' centrou boa parte do discurso da voceira nacionalista, que lembrou que "a xustiza, se é machista, non é xustiza". Nesta liña, incidiu en que a citada decisión xudicial "é unha labazada na cara de todas as mulleres" e "destila o máis rancio machismo que xulga ás mulleres en vez de defender os nosos dereitos, a nosa liberdade e a nosa dignidade".

Pontón lembrou que "só unha de cada oito violacións chegan aos xulgados" e sinalou que sentenzas coma esta non fan máis que contribuír a que as vítimas se sintan desprotexidas para denunciar. Por tal motivo, sinalou que a "violación" do caso da 'manada' "non é un problema individual, senón un caso máis de machismo xudicial", e por iso o BNG vai rexistrar no Parlamento iniciativas para reprobar aos xuíces que ditaron a sentenza e para reclamar que as agresións sexuais sexan xulgadas como casos de violencia de xénero. "Xa esá ben de soportar tanta discriminación", reclamou.

A voceira nacional do Bloque explicou que o acto celebrado este sábado en Pontevedra serviu tamén para "poñer sobre a mesa medidas que permitan que as mulleres deste país poidan ter esperanza" porque "temos que darlles respostas desde aquí", afirmou. "As galegas temos máis paro, máis precariedade, máis emigración e falta de servizos públicos. Temos problemas específicos que debemos afrontar desde a nosa realidade e non cun feminismo de curta e pega".

Comentarios