viernes. 10.04.2020 |
El tiempo
viernes. 10.04.2020
El tiempo

"Se tes un obxectivo, como alumno ou como mestra, superas moitas dificultades"

María José, terceira pola esquerda, con tres compañeiras. CEDIDA
María José, terceira pola esquerda, con tres compañeiras. CEDIDA

María José Sola, profesora de Portugués na EOI de Pontevedra, deu clases a inmigrantes nun instituto portugués grazas ao programa Piale ▶ Polas circunstancias de vida do seu estudantado, a estadía dun mes en Porto serviulle para gañar paciencia e empatía

Paciencia e empatía. Son as cualidades que destacan na equipaxe que María José Sola Bravo trouxo de volta dunha estadía dun mes en Porto (Portugal) grazas ao Piale (Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras), unha iniciativa da Consellería de Educación destinada ao profesorado para a realización de itinerarios formativos co obxectivo de mellorar a súa competencia lingüística e comunicativa. "Tanto se queres dar clase como se tes un obxectivo como alumno, superas moitas dificultades que aquí non tes, o que fai que te acomodes".

Sola Bravo imparte aulas de Portugués na Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Pontevedra. Durante o pasado mes de novembro participou no programa Piale con outros 13 docentes de toda Galicia. A iniciativa inclúe aloxamento, transporte ao centro educativo ao que foran destinados, dietas e algunha actividade cultural complementaria.

Piale
O Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras levou a 13 docentes galegos durante un mes a Portugal

A gran maioría dos participantes nesta edición foron profesores de Secundaria, agás dous de FP e ela, a única da Escola de Idiomas. De feito, explica, "a EOI é unha institución única na Unión Europea, non hai nada semellante", polo que non resultou tan doado buscarlle un destino similar como ao resto da expedición. "Por iso temos dificultades, tanto o profesorado como o alumnado, para participar en intercambios".

Deste xeito, destinárona ao Liceu Alexandre Herculano, un edificio centenario que agrupa a nove escolas públicas e situado nunha das zonas máis degradadas da cidade lusa, para impartir clases de portugués a persoas inmigrantes.

MESTRA DE APOIO. "Eu fun pola modalidade de integración, que vén sendo un mes como observadora dunha experiencia lingüística" chamada Portugués para todos e organizada polo propio Goberno. Así, converteuse na man dereita de Sandra Afonso, a mestra que cada día, de 19.00 a 21.30 horas, impartía Portugués a persoas inmigrantes chegadas de todo o mundo, en moitas ocasións cun nivel de escolaridade moi baixo no seu propio país.

Estudantado
Sola exerceu de mestra de apoio a 60 alumnos chegados de todo o mundo e cun nivel educativo moi baixo nalgúns dos casos

María José explica que tanto para pedir a nacionalidade como un visado, os inmigrantes deben acadar, como mínimo, o nivel A2 de Portugués, polo que o Ministerio lle ofrece estas clases. "Eu ía para observar. Así sempre aprendes, pero observei dous días". En canto se fixo coa dinámica (eran dous grupos de 30 persoas cada un, aínda que non sempre podían asistir todas), Afonso propúxolle axudarlle a corrixir os traballos do alumnado. "Así que tanto corrixía como resolvía dúbidas entre o alumnado".

María José lembra, por exemplo, a unha moza de Guinea Bissau "con moitas dificultades de aprendizaxe", á que lle axudaba na mesma aula. Este labor de apoio á docente principal levouna a traballar con estudantado de Bangladesh, India, Pakistán e outras nacionalidades asiáticas, pero tamén cun grupo de ucranianos e outro de latinoamericanos (chegados de Venezuela, México...), de xente de Siria, Marrocos ou Malta.

PRECARIEDADE Aí xurdiron non poucas dificultades. "A única lingua común era o inglés e en moitos casos tiñan o coñecemento mínimo", polo que para as mestras resultou todo un reto. "O ambiente da clase era bo en xeral, pero as diferenzas culturais, á parte das lingüísticas, tamén nos crearon dificultades". Pon como exemplo que se na EOI adoita ir cambiando os equipos de traballo, as combinacións non eran tan sinxelas no Alexandre Herculano. "As mulleres musulmanas, por exemplo, non poden sentar con outro home que non sexa o marido".

Non obstante, a maioría tiña un obxectivo claro: aprobar o exame de A2, polo que non escatimaban en esforzos, pese ás dificultades. A isto se sumaba, lembra Sola, que "as condicións non eran as mellores", posto que "había un proxector, pero non había pantalla; non había conexión a Internet e Sandra tiña que levar un módem portátil... Tampouco lles pediu libro de texto, porque sabía que suporía un esforzo económico importante para eles...".

"Dar clases a nenos sen problemas é máis ben doado"
Unha das cousas que máis marcou a María José desta experiencia en Porto foron as circunstancias especiais do seu alumnado, "que moitas veces ía ás clases despois de estar traballando dez ou doce horas e vivindo a cen quilómetros do liceo", subliña.

Todo isto fíxoa reflexionar sobre o afortunada que é no seu traballo habitual. "Ás veces queixámonos cando temos condicións moito mellores, pero con menos medios tamén se aprende. É bo poñerse noutro punto de vista". Así, subliña, "se algo aprendín foi empatía, algo moi necesario, xa que hai que pensar nas dificultades e necesidades dos outros".

Esforzo complementario
O profesorado do Alexandre Herculano "esfórzase moitísimo para que eses nenos consigan un mínimo de escolaridade. Dar clase a crianzas sen problemas é relativamente doado, pero neses casos precisas un esforzo complementario. Por exemplo cando son nenos de familias desestruturadas, de centros de menores ou que teñen pais desempregados ou que traballan moitísimas horas".

"Se tes un obxectivo, como alumno ou como mestra, superas moitas...
Comentarios