O sector cultural pontevedrés propón empregar comercios baleiros como espazos expositivos

A posibilidade de poñer en marcha un Clúster cultural de Pontevedra analizouse durante a mesa sectorial organizada por Reinicia #PonteLovers
Mesa de Empresas Culturais e Creativas de #PonteLovers. DP
photo_camera Reunión telemática de #PonteLovers dos representantes de empresas culturais e creativas. DP

Autónomos e empresas culturais e creativas da Boa Vila reuníronse este martes de forma telemática nunha nova mesa sectorial organizada pola plataforma Reinicia #PonteLovers, un laboratorio de ideas no que se debatiu sobre a posibilidade de poñer en marcha un Clúster Cultural de Pontevedra ou de empregar os establecementos comerciais baleiros como espazos expositivos de arte, con mostras de pintura ou escultura, entre outras propostas.

Nun comunicado, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, explicou que tamén puxeron sobre a mesa a idea de potenciar un evento gaming, centrado no prometedor mundo dos videoxogos. Nesa liña, suxeriuse fomentar exposicións en edificios públicos como a Casa da Luz ou de impulsar as prazas como espazos para pequenos concertos e espectáculos.

Entre os obxectivos do sector, na reunión falouse tamén de promover e darlle visibilidade a unha 'canteira' de xóvenes creadores da cidade, con axudas a escritores noveles ou grupos musicais emerxentes.

Comentarios