O segredo dunhas notas brillantes: "Organizarse ben e un pouco de esforzo"

Ignacio López Suárez, alumno do IES Valle Inclán, acada a cuarta mellor nota nos Premios Extraordinarios de Eso, con 645 participantes
Ignacio López Suárez, este luns diante do IES Valle Inclán. GONZALO GARCÍA
photo_camera Ignacio López Suárez, este luns diante do IES Valle Inclán. GONZALO GARCÍA
Ignacio López Suárez (Pontevedra, 2005), que arestora cursa 1º de Bacharelato no IES Valle Inclán, é un dos 20 estudantes merecedores dos Premios Extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2020-2021, segundo a resolución da Consellería de Educación publicada este luns no DOG. O obxectivo dos galardóns, dotados con 800 euros, é "dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal", explica a convocatoria.

Nese curso Ignacio rematou 4º da Eso cunha media de 9,98 sobre 10 e nos exames realizados o pasado 9 de setembro, aos que se presentaran preto de 650 estudantes de toda Galicia, logrou a cuarta millor nota: 55,6 puntos sobre 60, apenas seis décimas por debaixo da máxima cualificación.

O listado dos premiados pode consultarse no Diario Oficial de Galicia

O mozo, que atesoura un brillante curriculum desde os seus tempos de escolar no CEIP Álvarez Limeses, conta que decidiu presentarse a esta proba porque cumpría os requisitos da nota e "non tiña nada que perder", pero tomouno dun xeito "máis relaxado" que os exames do curso. "Repasei un pouco os contidos desde unhas semanas antes, sen presión".

Nestas probas acadou dous 10, en Inglés e Matemáticas; un 9,3 na materia opcional (Físca e Química); un 9,2 en Xeografía e Hostoria; un 8,8 en Lingua Castelá e un 8,3 en Lingua Galega. "Non esperaba esta nota. Foi unha gran sorpresa porque non lle dediquei tanto tempo. Un pouco casualidade, un pouco sorte" e o bo tino de "deixar algúns exercicios nos que non estaba tan seguro".

Centrado na modalidade de Ciencias ("gústanme, sobre todo as Ciencias Exactas"), o seu obxectivo é matricularse na Universidade en Matemáticas ou Física, ou quizais un dobre grao, "a ser posible nunha Universidade galega". De momento, aínda lle quedan case dous cursos. En 1º de Bacharelato "aínda non notei moito cambio" respecto á Eso "como me din outros compañeiros" e "penso que se continúo así irame ben", pero, admite, "hai que pórse as pilas, porque agora a nota si conta para o exame da Abau, hai que mirar cara ao futuro".

O segredo para lograr unhas notas tan brillantes, explica, "creo que está en organizarse ben e botarlle un pouco de esforzo, levalo todo ao día, porque aínda que non teñas moi boa capacidade de concentración ou memorización, si que é posible levar a cabo bos exames e facer un bo traballo se o levas organizado ao día". Por iso considera "fundamental" facer un plan con todas as materias de estudo e o tempo que se lles precisa dedicar, "se es un pouco previsor ou previsora".

Esa organización tan medida e que tan bos resultados académicos lle dá, Ignacio reserva tempo para outras actividades, desde xogar ao bádminton a estudar Inglés na Escola Oficial de Idiomas. "De momento podo asistir a todos os entrenos e clases, pero si é certo que algunha semana con máis presión de exames teño que faltar a algunha sesión".

Non só iso, senón que tampouco renuncia a saír cos amigos, "aínda que non tanto como me gustaría; nunca en épocas de exames, pero si en vacacións e a principio e final de curso". Tamén lle gusta ler "fantasía e ciencia ficción", a música rock e "calquera tipo de cultura accesible, que é unha experiencia máis. Aprender todo o posible é a clave do coñecemento".

"Non tiñamos tanta presión como en Bacharelato"
Botando a vista atrás aos tempos máis duros da pandemia da covid, o rapaz admite que "persoalmente non creo que me afectase moito comparado cos estudantes de Bacharelato, porque na Eso tamén era case todo en liña e faciamos traballos a través da aula virtual, pero non foi tan exhaustivo como nas clases presenciais e non tiñamos tanta presión enriba. Non tiñamos que facer a Abau".

No curso pasado, lembra, "foi complicado ao comezo adaptarse á nova situación sanitaria e foi un pouco difícil compaxinar as clases co deporte. As clases tamén foron algo duras, non só pola máscara, que ás veces complica escoitar ao profesor, senón polo ambiente tristeiro... Pero o único que podes facer é levalo o mellor posible".