"Primeiro de ciclo medio?". A súa disposición, don de palabra e saber facer, facían que Jorge Domínguez (Portonovo, Sanxenxo, 20 anos) parecese moito máis experimentado que os seus compañeiros durante un xantar celebrado hai uns meses no restaurante do CIFP Carlos Oroza. E de feito, érao. Camareiro de vocación, este alumno de primeiro do ciclo medio de Servizos de Restauración vén de proclamarse o mellor tirador de cañas no certame Beer Master de Estrella Galicia e poderá participar na competición a nivel nacional. Ademais, xa quedara terceiro no XV Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, celebrado en Foz (Lugo) o pasado mes de febreiro, e agora prepárase para participar, en outubro, no Galiciaskills, o campionato galego de Formación Profesional que organiza a Consellería de Educación.
Explícao na propia escola, despois de amosar como se tira unha caña pefecta, acompañado de Marcel Schaal, docente e preparador desta proba. "Había moitísima xente e tiñas que facer catro cañas, tirar catro cervezas de botella e facer un servizo se chegabas á final. Había unha presión insoportable". A vitoria "foi unha sorpresa", máis aínda polo esforzo que supuxo a preparación, en plenos exames. "Había moita competencia. Ía xente súper preparada e o máis difícil foi controlar os nervios".
A pesar da súa xuventude, Jorge suma catro anos de experiencia laboral e unha vocación que lle vén de familia, pois a súa avoa rexentaba o local Don Manuel, na súa vila natal. "Eu estaba na ESO e non era santo da miña devoción. Decidín deixala e metinme na FP básica de cociña e sala. Elixín sala porque era o meu, xa estaba traballando niso e como tiña o local na casa...". Despois de dous cursos en básica matriculouse no ciclo medio, que compaxina co seu traballo as fins de semana no Asador A Ferreira, en Nantes.
Compaxina estudos e traballo
Cal é o segredo para chegar a todo? "Intentar levar todo ao día, que che guste, porque se non xa é inviable xuntar unha cousa con outra, e compaxinar ao máximo posible. Sabendo que traballas a fin de semana, pois facer todo o demais durante a semana". Por iso, non lle sobra o tempo libre.
No seu traballo está "de marabilla", aínda que admite que non todo o mundo pode dicir o mesmo no sector da hostelería. "Eu creo que si están mellorando un pouco as condicións, porque a xente decátase de que se non as melloran non van ter persoal, pero aínda así segue habendo condicións prehistóricas". Sobre todo porque cada vez se valora máis a experiencia e a formación.
Sobre o seu futuro, o inmediato será traballar arreo durante o verán e empezar segundo curso en setembro. Continuará co ciclo superior? "Aínda está por vir. Pero si que me gustaría ter unha formación boa para despois ter todo ben feito. De momento tampouco podería elexir entre ser camareiro, sumiller ou barista. "Gústame todo e tes que saber de todo. Nunca sabes onde vas parar e que che pode facer falta".

"É un diamante en bruto, pola súa actitude e disposición"
O Carlos Oroza felicitou publicamente a Jorge pola súa vitoria, pero un dos máis orgullosos é Marcel Schaal, quen lle deu clase o curso pasado na FP básica. Xa daquela "o levara ao concurso de baristas e quedara cuarto. Este ano non lle dei clase como profe, pero si que o preparei para os concursos". Afirma que o rapaz é "un diamante en bruto, porque ten moitísima disposición e actitude; gústalle moitísimo e estuda, non se queda só co técnico", pois os concursos esixen a formación completa.
Unha dedicación tanto na casa como fóra do horario lectivo. "Non calquera alumno che vén tres días á semana tres horas polas tardes despois de estar toda a mañá na aula". Por iso destaca del a "disposición brutal a seguir aprendendendo e mellorando".