Seguen o seu curso

Quince alumnos do Mestrado de Arte Contemporánea da Universidade de Vigo mostran o seu traballo no Museo de Pontevedra

belas artes_GGARCIA_021
photo_camera Xosé Manuel Buxán, Carlos Valle e Xosé Leal xunto a dúas das estudantes que mostran o seu traballo no Museo. GONZALO GARCÍA

"Hai que agradecer a conexión do Museo de Pontevedra coa Universidade de Vigo e a súa aposta pola creación de coñecemento a través, por exemplo, da publicación dun catálogo. Poder mostrar o noso traballo nunha institución pública é a maior das recompensas, o que nos permite seguir construíndo". Brais Romero e Ariadna Yáñez son dous dos 15 alumnos do Mestrado de Arte Contemporánea da Universidade de Vigo que mostran os seus traballos finais na exposición Iso segue o seu curso, que se inaugurou o martes 5 de xuño no Sexto Edificio, onde permanecerá ata o 7 de xullo. Os dous participaron na presentación da mostra, "que consolida a presenza da arte contemporánea neste Museo", sinalou o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal. "O futuro da arte en Galicia tamén pasa por asegurar que os espazos que son de todos poidan ser ocupados por ela".

Detalle dunha das obras. GONZALO GARCÍA - Alumnos da UVigo no Museo2

Tanto o deputado como o director do Museo, Carlos Valle, se referiron a esta mostra, que leva celebrándose dende 2012, como a materialización dunha aposta pola interacción coa facultade de Belas Artes. "Aquí son tratados exactamente igual que calquera artista de prestixio internacional" dixo Valle. "Cando sexades un deles non vos esquezades de que existe Pontevedra e este Museo".

Entre os ítems que se repiten nos traballos dos alumnos está o interese polo téxtil como material e as reflexións arredor do territorio


"Que os alumnos cheguen a expoñer neste espazo xa é un fito", sinalou un dos coordinadores da exposición, Xosé Manuel Buxán (que o é xunto a Mar Caldas), ao tempo que destacaba que Iso segue o seu curso mantén o vencello entre alumnos da facultade pontevedresa, mestres, Museo e Deputación.

Detalle dunha das obras. GONZALO GARCÍA - Alumnos da UVigo no Museo1Buxán reflexionou arredor dos contidos da exposición resultante do mestrado deste ano, que inclúe fotografía, pintura, escultura, instalacións e videocreacións, sinalando que aprezaba ítems que se repiten no traballo dos alumnos. "Hai sempre unha parte máis realista e naturalista e outra centrada na abstracción", dixo. "É sintomática a presenza do téxtil en varias pezas, un aspecto no que quizais se apreza a influencia dos estudos de moda de Esdemga na facultade. Tamén destacan as reflexións sobre o territorio".

O coordinador da mostra vinculou ademais a mostra do Museo coa que fan alumnos de Belas Artes a final do curso no Pazo da Cultura. "Paréceme significativo que os graduados mostren as súas obras no Pazo da Cultura ao rematar os estudos e, despois, os alumnos do mestrado o fagan no espazo do Museo".

Comentarios