A segunda función do ciclo 'Itineranta' vólvese saldar cunha morea de diversión

As compañías Zanguango Teatro, Ale Hop, La Fam, Hortzmuga Teatroa e Deabru Beltzak foron as protagonistas da xornada deste xoves ▶ A Alameda volveu a gozar da maxia do teatro, a través dos Trotamundos, nun novo día da iniciativa Trebellando
Unha das representacións que percorreron a cidade. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Unha das representacións que percorreron a cidade. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A iniciativa Itineranta protagonizou a súa segunda xornada deste verán coas forzas renovadas tras a estrea do mércores pasado. As rúas de Pontevedra, un día máis, volveron tinguirse de fantasía para gozar dunhas compañías de teatro que teñen na súa peregrinación constante –esa que non se detén nin na súa propia función– o seu selo de identidade máis distintivo. Unhas funcións que atopan o seu leitmotiv no propio percorrido literal das rúas que fan súas por unha hora. No propio camiño. Neste caso, no camiño que van facendo pola Cidade do Lérez.

O primeiro dos espectáculos deste xoves, ás 19.30 horas, ubicou o seu punto de saída nun Benito Corbal que non necesita de escusas para encher os seus dominios, pero que o tivo aínda máis doado coa obra Al otro lado da compañía Zanguango Teatro: unha función improvisada que atopa no propio público ás actrices e actores que interpretarán unha historia que se vai construíndo no traxecto. Desde Benito Corbal, pasando pola Peregrina, a Ferrería e a Praza de Curros Enríquez, ata un Casino que se converteu na Ítaca desta historia de intérpretes noveles, máis apaixonados.

Algúns dos personaxes que encheron de cor ás rúas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Algúns dos personaxes que encheron de cor ás rúas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Ás 20.30, porque o show sempre debe continuar, foi o momento de que Ale Hop entrara en escena coa súa función The Clownpany. O nome non engana a ninguén: facendo acopio da súa experiencia circense, que xa supera as tres décadas, Ale Hop envolveu de sorrisos, de diversión, a Avenida de Santa María, o Casino e a Praza de Curros Enríquez.

Actuación ‘The Clowpany’ en Santa María. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Actuación ‘The Clowpany’ en Santa María. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Unha diversión que, ás 21.30, non tiña por que acabar. E iso pensaron, xustamente, en La Fam. Motorpunk, o seu show, aumentou momentaneamente o censo de Pontevedra ao sumar a seis motoristas ás rúas de Benito Corbal, a Peregrina, a Ferrería, o Casino e un Curros Enríquez que este xoves xamais podería poñer unha reclamación por falta de visitas.

Os ‘Trotamundos’, nunha Alameda con ganas de seguir a trebellar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Os ‘Trotamundos’, nunha Alameda con ganas de seguir a trebellar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A xornada foi pechada, ás 22.30, pola colaboración entre Hortzmuga Teatroa e Deabru Beltzak. Desta unión, a das dúas compañías máis emblemáticas de Euskalerria, nace Senta. Un nome que tamén serve de bautizo para o navío co que percorreron a rúa de Montero Ríos e as prazas de España, da Peregrina e da Ferraría, o lugar onde atracou o Senta para poñer fin a un novo día de espectáculos itinerantes.

O público volveu a encher Campolongo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
O público volveu a encher Campolongo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A oferta lúdica deste xoves, ademais de co monólogo de Xosé Touriñán nas pistas de Campolongo, foi completada polo cuarto día de Trebellando na Alameda. Esta vez, as crianzas puideron desfrutar da historia de Fidel e Capulita, os dous protagonistas da obra Historias de un baúl da compañía Trotamundos. Unha peza na que a diversión acabou por filtrarse nos cativos a través das pelotas de malabares ou os aros hula hoop que cobraron vida entre a sombra das árbores.

Touriñán, nun momento do seu show deste xoves. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Touriñán, nun momento do seu show deste xoves. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Monólogo
Touriñán estivo aquí
As pistas de Campolongo volveron a presentar as súas mellores galas para acoller a cuarta e penúltima xornada destas Noites de Monólogos. As cadeiras quedáronse curtas, unha vez máis, con respecto a cantidade de xente que tiña o desexo de ocupalas.

Este xoves era o turno dun dos platos fortes do programa, o humorista e actor Xosé Antonio Touriñán. E a súa nova función, Aquí tou, non decepcionou: nun percorrido que abarcou desde o momento literal da súa concepción ata o posible epitafio do artista, Touriñán aproveitou o repaso das súas distintas etapas vitais para salpicalo de anécdotas –propias e emprestadas–, reflexións e chistes centrados na cultura galega.

Touriñán tiña a difícil responsabilidade de substituír a Carlos Blanco, quen creou un grao de expectación tan alto que obrigou a intervir ata aos corpos policiais. Estes, ante a masificación de espectadores que se quedaron sen cadeira, encargáronse de controlar que non houbese altercados.

Comentarios