Axenda do luns, 28 de marzo

A Semana da Filosofía propón na cidade cinco días de reflexión sobre democracia e política

María Xosé Agra, Francisco Sampedro e Antonio Baños son os primeiros protagonistas do ciclo de conferencias da Aula Castelao, que se prolongará ata o 1 de abril no Teatro Principal
José Antonio Baños, durante su visita a Pontevedra
photo_camera José Antonio Baños, durante su visita a Pontevedra

Este martes, Diario ofrece unha entrevista a dobre páxina con Antonio Baños

A política é o tema elixido pola Semana Galega de Filosofía para reflexionar, ata o 1 de abril, no Teatro Principal de Pontevedra. A presidenta da Aula Castelao, Ana Regueira, e o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, serán os encargados de inaugurar este luns o ciclo de conferencias, no que se proporá un debate sobre a democracia actual e a soberanía, dende o habitual punto de vista progresista e nacionalista da cita. Acompañaranos o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; o decano do Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra, Ramón Jáudenes, e a directora do Parador de Pontevedra, Meritxell Marcos.

Os efectos adversos da globalización, a cuestión nacional e o procés català centrarán as intervencións da xornada inaugural

"A reflexión da primeira xornada irá do individual ao global revisando conceptos básicos coma soberanía e democracia nun contexto globalizado de crise, onde as decisións macro xeran grupos vulnerables á precaridade e á exclusión", explica a Aula Castelao. Sobre esas vulnerabilidades, "que suscitan a necesidade de actuacións correctoras dos efectos adversos da globalización", falará precisamente a encargada de inaugurar a Semana, María Xosé Agra, da Universidade de Santiago de Compostela.

O filósofo Francisco Sampedro Ojeda, xa pola tarde, analizará a cuestión do suxeito político e da cuestión nacional. Segundo a Aula Castelao, a súa charla analizará "a prefiguración ideolóxica da globalización, que subxectiva unha idea de nación e responsabilidade nacional na que calquera suxeito político resulta estéril, opaco ou equívoco".

A primeira xornada da Semana pecharase cunha conferencia que Antonio Baños sobre o denominado procés català. O xornalista, político, músico e escritor, que xa fora convidado pola Aula Castelao a intervir en 2010 no ciclo adicado á economía, volve agora a Pontevedra, tras liderar a candidatura da CUP ás últimas eleccións ao Parlamento de Cataluña, para falar da "evolución do discurso independentista dende as movilizacións masivas ata a aparición na escena de novos suxeitos políticos".

As charlas, abertas ao público, continuarán mañá con Concha Roldán, Aleixo Vilas e Ricardo García Zaldívar.