A Semana de Filosofía arranca este luns para afondar nos mitos da sexualidade

O Teatro Principal da cidade acollerá até o próximo venres as ponencias dos expertos

A filosofía volverá este luns ao Teatro Principal de Pontevedra coa posta en marcha da XXXII Semana Galega de Filosofía, organizada pola Aula Castelao. Nesta ocasión as ponencias da cita xiran arredor da sexualidade, para afondar en aspectos como os tabús, as violencias, as crenzas e os mecanismos de opresión ocultos nela. Deste xeito, segundo a propia Aula Castelao, o obxectivo é "desvelar mecanismos de opresión e imaxinar dinámicas de liberación ou emancipación".

A cita coa reflexión comezará o luns, 6 de abril, ás 10.30 horas coa inauguración das xornadas, que contarán coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que acudirá en representación do Concello, o principal patrocinador do evento. As ponencias sucederanse ao longo de todos estes días até o venres, de xeito que haberá tres intervencións ao longo do día: á mañá (de 10.30 a 13.30), á tarde (de 17.00 a 19.30 horas) e á noite (de 20.00 a 22.00 horas).

A primeira xornada presentará un mapa da evolución do pensamento sobre a sexualidade. Deste xeito, para comezar a Semana Galega da Filosofía, o experto en sexoloxía e mestre na Universidade de Alcalá Efigenio Amezúa falará sobre as primeiras reflexións arredor do sexo na Grecia de Platón, Aristófanes e Hipócrates.

A xornada continuará coa análise dos costumes, mitos, ritos e tabús sobre o sexo na cultura tradicional galega a través do estudo da literatura de transmisión oral. O encargado desta ponencia, que terá lugar a tarde de mañá, será o doutor en Filoloxía Comparada Xosé Luis Garrosa Gude.

Para rematar o primeiro día do simposio, a antropóloga Dolores Juliano falará sobre a estigmatización das sexualidades diverxentes resultante de tomar como referencia a heterosexualidade. Na xornada de mañá tamén intervirá a Plataforma de Estudantes da Facultade de Filosofía da USC, que presentará un Manifesto en Defensa da Filosofía como acto de protesta contra o Anteproxecto de Reforma do Ensino Medio que pretende reducir as horas de Filosofía na Educación Secundaria. A presidenta da Aula de Filosofía, Ana Regueira, apoiará o manifesto, así como Juan Carlos Naveiro en representación do grupo Doxa.

O martes continuarán as ponencias coa intervención do profesor da Uned José Antonio Nieto Piñeroba, que falará sobre identidades transxénero. Á tarde será a quenda de Laura Bugalho, fundadora do colectivo Transgaliza, que fará un percorrido pola historia do movemento LGTB en Galicia. Para rematar a xornada, Javier Peteiro Cartelle dará a súa conferencia titulada ‘Ciencia, inocencia e sexo’.

A chegada de expertos en filosofía e sexualidade continuará durante toda a semana, de xeito que pasarán pola cidade sexólogos, psicoanalistas, filósofos e expertos neste eido. As xornadas poñen o foco na realidade galega, de xeito que as tardes están adicadas a dar voz aos movementos sociais e máis ás crenzas propias da cultura galega arredor da sexualidade. Tamén haberá unha ponencia dicada á concepción da sexualidade en África da man do filósofo Manuel Cochole Paulo Gomane. A lección de clausura do venres (20.00 horas) será a cargo do experto en medios de comunicación Román Gubern, que foi mestre na Universidade Autónoma de Barcelona.

Comentarios