Unha semana mergullados no inglés

Un grupo de 25 escolares do CEIP Plurilingüe Froebel pasará sete días nun complexo xuvenil en Bergondo para perfeccionar esta lingua estranxeira ▶ A estadía inclúe actividades lúdicas e deportivas
(_00A7641.jpg) CEIP Froebel foto dunha clase de 6 para unha repor Vemonos ali
photo_camera Alumnado do CEIP Froebel que participará na vindeira quenda da Digitalweek. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Nin castelán, nin galego. O idioma común entre o 9 e o 15 de outubro para un grupo de 25 escolares do CEIP Plurilingüe Froebel será o inglés. Eles son os afortunados que participarán na Digitalweek, un programa formativo que consiste nunha estadía dunha semana no Complexo Xuvenil As Mariñas, en Bergondo (coñecido como o albergue de Gandarío) para mergullarse no idioma de Shakespeare.

En réxime de internado, segundo explica a Consellería, "estimularase a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados e enfocados cara á mellora da comunicación oral a través de actividades dixitais, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa". O obxectivo é mellorar a competencia deste idioma a través desas actividades e outras complementarias que promovan "a actividade física e a socialización".

A convocatoria está pensada para alumnado de 6º de Primaria e de toda a Eso. Tamén resultaron elixidos nesta última convocatoria o CEP Marcos da Portela, o CPI do Toural (Vilaboa), o CPI de Mosteiro-Meis e o IES Aquis Celenis (Caldas). Neste caso tamén participarán 25 alumnos de cada centro na quinta quenda, do 30 de outubro ao 5 de novembro. De Monte Porreiro e Vilaboa serán de 6º e de Meis e Caldas de 1º da Eso.

Na Digitalweek tamén participará o CEP Marcos da Portela e varios centros educativos de Marín, Vilaboa, Meis, Caldas e Cerdedo-Cotobade

A estes centros súmase o CEIP da Laxe (Marín), que tamén mandará nove alumnos xunto cos do Froebel e o CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade), que ten agora 14 en Bergondo, na semana inaugural. En total, en cada quenda haberá 225 estudantes de toda Galicia.

A metodoloxía, segundo explica a Consellería na resolución, será "activa, lúdica e cooperativa", promoverá "aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e coñecemento da contorna".

Por iso o contido inclúe actividades académicas, de tempo libre e obradoiros coa intención de "promover a convivencia entre o alumnado e a motivación pola comunicación en inglés", ademais de adquirir "unha mellor competencia dixital", facendo uso de medios tecnolóxicos.

Esta iniciativa é totalmente de balde para as familias, agás o desprazamento ata a localidade coruñesa.

O director do CEIP Froebel, Pedro Mariño, sinalou que o momento máis crítico foi o da selección, pois hai 50 alumnos en 6º e só podía ir a metade. "As familias son as primeiras interesadas", destaca, aínda que foron os propios rapaces, nalgúns casos, os que non se atreveron a dar o paso. Aínda así ao final "tivemos que sortear as prazas e, lamentablemente, quedaron algúns fóra". O único requisito era ter a materia de Inglés aprobada.

Pedro Mariño, director do Froebel, subliña que a aprendizaxe do inglés "é unha prioridade para as familias", que reforzan os contidos da escola con academias e clases particulares

Mariño destaca que se trata "dunha oportunidade moi boa", porque á inmersión na lingua se suma a convivencia con rapazada doutros lugares. As familias poderán facer o seguemento do programa, cunha clave, a través de Internet. Sendo un centro plurilingüe -imparten Psicomotricidade en inglés en Infantil e Plástica en Primaria- "hai un bo nivel de competencia lingüística", pero tamén "somos conscientes" de que é esta aprendizaxe é "prioritaria" para as familias, que pagan academias e cursiños de inglés para reforzar os contidos impartidos na escola.