Unha semana para poñer en valor a achega das avoas á gastronomía

Pontevedra Capital Gastro organiza unha semana de eventos arredor da cociña tradicional
Presentación da marca Pontevedra Capital Gastro. DAVID FREIRE
photo_camera Presentación da marca Pontevedra Capital Gastro. DAVID FREIRE

Un bosque da memoria do que pendurar as receitas e lembranzas das avoas, obradoiros de chefs da cidade con persoas maiores para coñecer os seus segredos na cociña ou un Desafío Filloa son algunhas das actividades que propón a próxima semana temática organizada por Pontevedra Capital Gastro, o Avoa Fest, que terá lugar entre o 17 e o 26 de setembro. O obxectivo: recuperar o patrimonio gastronómico da cidade a través da herdanza das receitas familiares, nunha homenaxe ás avoas, que gardaron a memoria culinaria.

O Avoa Fest, impulsado pola concellería de Promoción Económica, de Yoya Blanco, será inaugurado o vindeiro venres ás 12.00 horas coa presentación do Bosque da Memoria, nun acto no que participarán o tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira Yoya Blanco, no que tamén se visionará unha peza audiovisual realizada para promocionar a cita culinaria. O Bosque, que permanecerá instalado até o 26 de setembro na Praza da Peregrina, converterase nun espazo no que a poboación poderá ir deixando (penduradas nas árbores) homenaxes como fotografías, debuxos ou mensaxes, ás súas avoas, presentes e ausentes. Na mesma carpa colocarase tamén un buzón para que a cidadanía poida depositar as receitas herdadas das súas familias, poñendo en valor deste xeito a historia gastronómica da cidade. "Será un espazo cargado de emocións e de amor polas nosas avoas e pola gastronomía tradicional", asegura Yoya Blanco.

O sábado 18 de setembro celebrarase na Alameda, a partir das 18.00 horas, o Desafío Filloa. A través das redes sociais do Concello e de Pontevedra Capital Gastro invitarase á cidadanía para que participe enviando vídeos de avoas presentando a súa candidatura para cociñar cun neto ou neta unhas filloas. Segundo aclara Blanco, "estes vídeos serán votados para seleccionar ás parellas avoa-neto que tomarán parte no desafío, para o que se instalarán catro cociñas nas que deberán cociñar a mellor filloa". "Cada equipo terá unha cor e repartiranse banderíns coas mesmas para que a xente poida achegar o seu grao de area apoiando a unha parella", conta Blanco. O xurado estará composto polos cociñeiros e cociñeiras da Banda Cociñas de Pontevedra, que puntuarán e elixirán ao equipo gañador. Este recibirá unha Culler de Madeira gravada.

Outro dos pratos fortes do programa será o Roteiro de Postres da Avoa, no que os hostaleiros da cidade participarán propoñendo dentro da súa carta un postre herdado das súas avoas. A Concellería de Promoción Económica difundirá un folleto no que se dará a coñecer a proposta de establecementos.

O Avoa Fest, que tamén contempla a elaboración e edición dun Receitario Ancestral de Pontevedra coas receitas achegadas pola cidadanía (co obxectivo de ilo aumentando ano a ano), clausurarase o domingo 26 de setembro cun taller de postres tradicionais no que se implicará ás avoas da residencia Saraiva.

Comentarios