Sementadoras de flores e versos

Veciñas ▶En 2017, Puri Moreira, amante das plantas, decidiu encher de flores o parterre no que medraba a maleza ante o seu portal. Pouco despois, máis veciñas se uniron á iniciativa. Nesta primavera, Laura Goldar comezou a espallar versos entre as flores. Esta é a historia de como Javier Puig se converteu na rúa máis poética de Pontevedra

Laura Goldar e Puri Moreira con versos de Uxío Novoneyra e Manuel Antonio. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Laura Goldar e Puri Moreira con versos de Uxío Novoneyra e Manuel Antonio. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Abride as frescas rosas;/ brilade, os carabeles;/ do seu xardín, aos árbores, vestivos/ cas lindas follas verdes". Con estes versos de Rosalía de Castro comparten xardín as flores dun dos parterres da rúa Javier Puig. Á beira medran tamén poemas de Manuel Rivas, Olga Novo, Uxío Novoneyra ou Luz Pozo Garza, entre outros. A rúa que une Benito Corbal con San Antoniño non ten ningún monumento, nin sequera un recuncho pintoresco digno de fotografar, mais ten os xardíns máis poéticos de Pontevedra. As responsables son un grupo de veciñas que cultivan flores e versos en parterres de apenas un metro cadrado.

Ao comezo da primavera de 2017 foi cando Puri Moreira, veciña da rúa, decidiu pola súa conta quitar a maleza que medraba no parterre de diante do seu portal e facer un xardín. Ao pouco tempo, tres veciñas máis doutro portal da mesma rúa, entre as que estaba Laura Goldar, sumáronse á iniciativa e plantaron outro xardín noutro dos parterres da rúa. "Os veciños que pasaban dábannos cartos para mercar as flores", recorda esta.

Antecedentes
Xa hai décadas, o poeta Manuel Cuña Novás adoitaba colocar versos polos xardíns de Casto Sampedro

Pero Goldar, ademais de gustar das flores, é tamén unha apaixonada lectora de poesía. Foi ela quen converteu Javier Puig na rúa máis poética de Pontevedra. Aconteceu, de novo, na primavera, desta vez na de 2018. "Eu recordo que hai máis de 20 anos o poeta Manuel Cuña Novás adoitaba colocar versos na zona dos xardíns de Casto Sampedro e quixen facer o mesmo. De feito, un dos primeiros poemas que coloquei era seu", recorda. Laura foi mestra de Primaria e toda a súa traxectoria no ensino estivo ligada ao fomento da lectura e máis ás bibliotecas escolares. "Os mestres sempre facemos performances deste tipo para animar aos nenos a ler e esta é unha forma de continuar a ensinar poesía", explica a mestra xubilada, que traballou no CEIP Alexandre Bóveda de Chapela.

Goldar explora nos seus libros de poesía galega á procura de versos vencellados ao mundo vexetal, a natureza e os xardíns. Mais tamén ten pensado ir cambiando os poemas e adaptalos á época do ano, "para que a xente non se aburra". "Xa teño pensados varios temas para ir modificando os letreiros. Por exemplo, agora que comeza o outono, podo colocar algún verso que faga referencia a esta época do ano ou, para cando sexa o día da muller, podo seleccionar algún verso sobre esa cuestión"·, explica Goldar.

Imaxe do estado anterior do parterre. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Imaxe do estado anterior do parterre. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

É así como a mestra pontevedresa continúa a facer pedagoxía: achega a poesía á xente. "E sei que os que pasan por aquí paran a ler os versos porque teño informantes entre os negocios da rúa", conta. Ela mesma, dende o seu balcón, comproba como os viandantes se achegan a ler as mensaxes que os poetas galegos lanzan a través dos seus versos. "Moita xente que nunca colleu un libro de poesía ou que non é lectora habitual pode coñecer algún poema grazas a min", conta cun sorriso. A súa iniciativa gustou tanto entre os veciños que xa se estendeu á rúa paralela, José Millán, onde tamén comezan a medrar poesías entre as flores coa colaboración dalgún dos negocios da zona, como a floristería La Gardenia.

COLABORACIÓN. Ás veces os letreiros desaparecen. "Levánronme algún máis dunha vez, pero tampouco desaparecen todos. O que máis levan son as plantas", lamenta. Neste sentido, as veciñas queren aproveitar a súa presenza na prensa para pedir colaboración aos veciños e ao Concello. "Sería xenial que máis veciños da rúa colaborasen ou que incluso noutros barrios se animasen a facer o mesmo", explican.

Nome da rúa
"Javier Puig non nos gusta, a esta rúa pégalle máis o nome de alguén que escriba poesías"

Ademais, pídenlle ao Concello que de cando en vez regue os xardíns e engada terra e abono. "Eu vivo nun cuarto piso sen ascensor e para regar tería que subir as escaleiras e baixalas varias veces", conta. Aínda así, conta coa colaboración dunha cafetería veciña, que lle deixa coller auga no local para regar. "Eu penso que dese traballo podería encargarse o Concello, porque teñen estes anacos de xardín abandonados. De feito, hai unha árbore que secou e deberían sacala para poñer outra", explica Puri Moreira mentres amosa unha fotografía de como estaba o parterre que coida antes de que ela o enchese de plantas.

Cultivar un xardín non é cousa dun día, por iso regar ou arrincar malas herbas é xa unha actividade habitual entre as veciñas que conforman unha especie de brigada das flores e dos versos. Os sábados ou os domingos pola mañá é habitual velas traballar para que as plantas medren vizosas.

"Vivimos nunha cidade moi bonita, estivemos máis dun ano de obras na rúa e a verdade é que o resultado quedou moi ben, agora van arreglar o edificio da Xunta e esta zona vai ter moita vida", explica Goldar.

Pero as veciñas teñen unha última petición. Xa que viven nun lugar cheo de flores e poesía, que menos que sexa algún poeta quen lle dea nome á rúa. "Javier Puig non nos gusta, a esta rúa pégalle máis o nome dalguén que escriba poesías".

Redes
Chío Manuel Rivas

O chío do poeta Manuel Rivas As reaccións á iniciativa de Laura Goldar chegaron aos propios autores dos versos que reparte polas rúas. "En Pontevedra plantan poemas pola rúa. A poesía: primeiro e derradeiro faro, acción dar á luz", tuiteou o poeta Manuel Rivas.

Comentarios