María Triñanes: "Sempre digo que a FP é como un máster gratuíto de dous anos"

► Grovense de 23 anos, acaba de rematar o CS de Xestión de Aloxamentos Turísticos no CIFP Carlos Oroza cunha nota que roza a perfección e que sen dúbida influíu en que a Consellería de Educación lle concedera un dos 23 galardóns anunciados este luns. Na provincia de Pontevedra recaeron cinco deles

María Triñanes. CEDIDA
photo_camera María Triñanes. CEDIDA

María Triñanes Costa, veciña do Grove de 23 anos, é unha dos cinco estudantes de Formación Profesional de grao superior da provincia recoñecidos pola Consellería de Educación cun premio extraordinario correspondente ao curso 2016-2017, cuxo obxectivo é "recoñecer os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado". Acaba de rematar, cunha nota case perfecta, o ciclo superior de Xestión de Aloxamentos Turísticos no CIFP Carlos Oroza e este mércores volverá a Malta, onde xa fixera prácticas o ano pasado. Os outros cinco gañadores da provincia estudan en centros de FP de Vigo e Ponteareas. En Galicia hai 23, que poderán concorrer ao premio nacional.

Os nomes dos gañadores fixéronse públicos este luns -a entrevista realizouse pola tarde-. Foi a primeira noticia para vostede?

Si. Chamáronme do centro para darme a noraboa e despois xa chegaron as chamadas da prensa.

Este ciclo foi a súa primeira opción académica ou profesional?

Non. Ao rematar o Bacharelato intentei opositar para ao Sergas, pero non era o meu. Fixen un ciclo de Secretariado Médico e despois optei por este ciclo superior.

Cal é a súa nota media?

Sei que é un nove con oitenta e algo... Non o sei exacto. 

Esperaba este premio?

Non o esperaba para nada. Tiña boas notas, pero non sabía o que había no resto de Galicia. Hai que presentar documentación e á parte da nota ten en conta outros cursos que fixeras, como o de lingua de signos e cousas que teñen que ver co ciclo.

Precisamente neste CS teñen moi presente o ‘turismo para todos’.

É algo que nos inculcan moito. 

Cales son os seus plans de futuro?

Pois este verán volvo a Malta, para traballar no mesmo hotel no que fixen as prácticas do ciclo (Formación en centros de Traballo ou FCT). Nas prácticas temos que traballar en todos os departamentos que nos ensinan no ciclo (gobernanta, coordinadora de eventos, recepcionista...). Agora irei como recepcionista.

Será só para o verán ou para máis tempo?

Eles queren que quede máis tempo, pero penso que volverei no inverno para seguir estudando. 

Como ve o panorama laboral neste sector? Está cada vez máis profesionalizado? Persiste a precarización da hostelería ou a situación vai mellorando?

Non podo falar en xeral, pero no departamento de recepción piden cada vez máis xente preparada e non hai tanto intrusismo. Aínda así, hai que mellorar moito, sobre todo que paren de pedir titulados en Turismo porque non é necesario para este posto. Nós facemos dous anos dedicados a isto e estamos totalmente cualificados. O problema en España, ademais de mellorar os salarios, é a falta de recoñecemento da FP. Eu sempre dixen que é como un máster gratuíto de dous anos. É algo que te forma para algo concreto e específico e que te prepara moi ben. Aínda non está visto como tal.

Que lle di a familia? Anímaa a ir a fóra ou preferiría que quedara en Galicia?

A verdade é que me animan a ir a fóra, aínda que en Malta non vaia gañar o mesmo que aquí nas miñas condicións. Sobre todo teño que centrarme nos idiomas. No último ano estiven na Escola de Idiomas, estudando varios, e Malta é un bo destino. Alí falan inglés e os turistas chegan de Alemaña, de Italia... É o que busco agora mesmo. Máis que o salario, poder formarme en idiomas para ampliar o currículum e poder optar a un soldo maior.

Empézase a valorar a formación de recepcionista: agora falta que o salario vaia acorde co traballo»

Considera que en Galicia se valora esta formación?

Creo que hai un pouco de todo. Este ano si que nos din que se pide moito recepcionista con algún tipo de titulación, cousa que non vin outros anos. Neste sentido está mellorando a situación, porque non todo o mundo pode meterse nunha recepción. Non só é recibir os clientes e cobrarlle. Empezan a valorar a xente formada agora falta que o salario vaia acorde co traballo. A recepción é o corazón dun hotel.

A dotación do premio é de 850 euros. Xa ten pensado que fará con eles?

Irán para pasar estes meses en Malta, totalmente. Véñenme xenial porque agora non teño unha bolsa como cando fixen as prácticas, vou eu coa maleta e veña para fóra. Véñenme moi ben para desenvolverme alí porque as cousas están moi caras.

É un país caro comparado con Galicia ou con España?

Si, sobre todo o aloxamento. Hai unha especie de burbulla e os alugueres están altísimos. As cousas do día a día un pouco máis baratas, pero o salario é un pouco máis baixo que en España.

E de cara ao futuro?

Quero ir a Italia. Estiven estudando o idioma e encántame ese país.

Os demáis premiados
Dos 23 galardoados de Galicia, cinco corresponden á provincia de Pontevedra. Os outros catro son Isabel Cabrera Tilve (cursou Seguridade e Medio Ambiente no CIFP A Granxa de Ponteareas), Rosa María Portas Tato (Imaxe Persoal no IES de Teis, en Vigo), Carmen Campos Casqueiro (Téxtil, confección e pel no CIFP Manuel Antonio, de Vigo) e Esteban Fernández Alonso (Madeira, moble e cortiza no CIFP Valentín Paz Andrade, tamén da cidade olívica).

Comentarios