As 'Sénior Poderosas' publican o libro 'Bitácora dun confinamento'

Nace da iniciativa dun grupo de alumnas do Taller de Lóxica Sénior de Kairós e plasma as vivencias de seis mulleres durante o encerro
Presentación do libro. DP
photo_camera Presentación do libro. DP

A Concellería de Benestar Social acaba de publicar, en colaboración co Centro de Desenvolvemento, Aprendizaxe e Atención Integral Kairós, o libro Bitácora dun confinamento, no que se propón unha viaxe polos tempos do covid-19 a través das mensaxes, cartas, reflexións e conversas dun grupo de seis mulleres de entre 60 e 85 anos denominado Sénior Poderosas. A iniciativa de difundir esta sorte de caderno de bitácora daqueles días de encerro provocados pola pandemia xurdiu dun grupo de alumnas do Taller de Lóxica Sénior de Kairós e das conversas de whatsapp que mantiveron durante este período.

O libro foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e algunha as autoras do mesmo: Cristina Bonaque Belizón, Carmen Corbal Ramos, Conchita Rodríguez Prendes, María Teresa Sánchez Ayala, María Sánchez Lareo (mestra do Taller de Lóxica Sénior de Kairós Centro de Desenvolvemento) e Pita Somoza Seoane.

Tal e como subliñou o edil socialista, “nunha época de confinamento, na que a nosa liberdade se viu limitada debido á pandemia provocada polo covid-19, as Sénior Poderosas comezaron a plasmar en papel o seu día a día, as súas preocupacións, os seus medos e inquedanzas”. “As súas integrantes adaptáronse á situación e foron dando forma, case sen percatarse, a este caderno de bitácora. De seguro que aqueles que o lean vanse identificar con moitos dos momentos que nel se reflicten: alegría, tristeza, medo, dúbidas, gañas de gritar, ansias de liberdade e desexo de vivir”, asegurou Marcos Rey. 

O concelleiro de Benestar Social afirmou que, cando as súas autoras lle presentaron o bosquexo do libro e lle explicaron a finalidade para a que querían editalo, sentiuse namorado “da forza e da alegría” que lograron transmitirlle. "As Sénior Poderosas non só forman parte dun grupo envexable, no que todas se apoian e se preocupan mutuamente, senón que tamén pensan e se preocupan polo demais".

Segundo explicou a mestra do Taller de Lóxica Sénior, María Sánchez Lareo, "a experiencia do día foi moi enriquecedora. Con esta publicación non buscamos gañar premios, senón plasmar a alma de cada unha das mulleres que contribuíron a escribilo". 

Comentarios