Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

Unha sentenza obriga o Concello de Pontevedra a facer indefinidas a dúas traballadoras

Concello de Pontevedra. DP
Concello de Pontevedra. DP

Aínda hai once demandas máis, todas de empregadas, que se concentran principalmente na área de Benestar Social

O Xulgado do Social de Pontevedra vén de darlle a razón a dúas traballadoras temporais do Concello de Pontevedra e obriga ao equipo de Goberno do BNG a incluílas na Relación de Postos de Traballo (RPT) como persoal laboral indefinido.

Aínda que non queren mostrar o seu rostro nin o seu nome, unha das traballadoras ás que a Xustiza vén de darlles a razón asegura que isto supón "certa seguridade a nivel laboral. Eu estaba como persoal laboral temporal e as resolucións de renovación de contrato eran anuais, polo que todos os anos estaba pendente desas resolucións, de que foran favorables". Isto é algo que leva anos acontecendo. De feito, ela leva nesta situación dende 2005, "mais hai compañeiras que hai incluso 25 anos que están nesta situación de inestabilidade laboral. É algo que sempre aconteceu, no é dos últimos tempos. Xa pasaron varios gobernos pola Administración", asegura.

Nesta liña, a avogada do sindicato UGT denunciou o feito de que as sucesivas prórrogas "ano tras ano, dos contratos de obra e servizos das devanditas traballadoras incorrían nunha grave irregularidade da Administración, e non podían considerarse temporais" despois de que as afectadas as viñeran prestando diariamente dende hai máis de 15 anos, senón que segundo o disposto no estatuto dos traballadores a partir dun prazo de contrato superior a 24 meses teñen adquirida a condición de persoal laboral indefinido.

Esta traballadora desenvolve o seu labor na área de Benestar Social do Concello, "un servizo básico, que ten que dar e prestar aos cidadáns a Administración local, non é un servizo complementario". De feito, o xuíz tivo en conta no seu fallo a favor das traballadoras a existencia de reparos formulados polos técnicos do Concello nos seus informes, que puxeron de manifesto que estas sucesivas prórrogas anuais recoñecían que as funcións que desenvolven diariamente no servizo de Benestar Social teñen a condición de ordinarias e evidencian a necesidade da prestación deste servizo municipal aos cidadáns.

Despois deste fallo do Xulgado do Social de Pontevedra, agora queda á espera a resolución das outras once demandas presentadas por traballadoras contra a Administración, que UGT agarda que sexan tamén declaradas pola Xustiza indefinidas. Todas as persoas ás que afecta esta situación son mulleres, concéntranse principalmente na área de Benestar Social e moitas delas están xa en idades próximas á xubilación.

Porén, o sindicato UGT considera importante que "de unha vez por todas" remate a situación de "indefensión e incerteza laboral" destas traballadoras e que o Equipo de Goberno do BNG poida darlles "seguridade xurídica" e que sexan incluídas como persoal laboral indefinido no novo proxecto de RPT.

O Concello de Pontevedra aprobou o pasado 22 de xuño, a través do Boletín Oficial da Provincia (BOP), a nova relación de postos de traballo prevista para este ano. O listado revela que a Administración municipal ten en nómina a 508 traballadores, cinco menos dos previstos no 2017.

Unha sentenza obriga o Concello de Pontevedra a facer indefinidas a...
Comentarios