Unha sentida homenaxe a través da cámara do móbil

Quince estudantes do IES Frei Martín Sarmiento retratan aos seus avós e avoas para o proxecto Conversas e lembranzas ▶ As imaxes, en branco e negro e algunhas con lenda, conforman unha exposición que reflicte o cariño mutuo entre ambas xeracións
Parte do alumnado, neste caso de 1º de Bacharelato, que participa no proxecto diante da exposición, que poderá verse durante a vindeira semana no instituto. DP
photo_camera Parte do alumnado, neste caso de 1º de Bacharelato, que participa no proxecto diante da exposición, que poderá verse durante a vindeira semana no instituto. DP

De "natural, fermosa, emotiva e artística" califica o IES Frei Martín Sarmiento a última actividade do seu alumnado. Concretamente de quince estudantes de 4º da ESO (seis), a través dunha materia optativa, e de 1º de Bacharelato de Artes (nove), que se embarcaron no proxecto Conversas e lembranzas, unha exposición que recolle fotografías dos seus avós e avoas, todas en branco e negro, que achega máis emotividade, e algunhas mesmo acompañadas dunha pequena historia particular dos seus protagonistas.

"No proxecto intégranse dous enfoques conceptuais diferentes", explica a profesora Belén Padrón, coordinadora da iniciativa. Por unha banda o retrato psicolóxico, co que o alumnado amosou os trazos máis fondos da personalidade dos seus familiares facéndoos posar dun xeito determinado. Desde os tipos de plano, ao uso da luz, a dirección da mirada, ou a posición das mans, todo foi planificado  para salientar o sentido expresivo da imaxe.

Pola outra, nalgúns casos pedíronlles aos seus maiores que elixiran un obxecto ou lugar específico da casa moi significativo para eles polas lembranzas asociadas a el. É por iso que un dos momentos mais prezados desta actividade foi o establecemento desa conversa que xerou o ambiente propicio para tomar a imaxe.

Marta Picallo. DP
Marta Picallo. DP

MARTA, PAZ E A NATURALIDADE DA CONVERSA

Marta Picallo quixo "mostrar a naturalidade dunha conversa entre seres queridos" cos retratos da súa avoa Paz, á que sempre lle gustaron as longas parolas familiares. Por iso a fotografou sen que ela se decatara.

Un dos momentos máis prezados da actividade foi o establecemento desa conversa que xerou o ambiente propicio para tomar a imaxe

Laura García (4º de ESO) fixo protagonista á súa avoa Celia, quen aparece cun fonendoscopio, pois como médica anestesista pasou boa parte da súa vida nun quirófano. As xoias da súa bisavoa, falecida en novembro do 2021, son o obxectivo elixido por Mariló, a avoa de Iria Sotelo.

Tamén do mesmo curso é Ana Remiseiro, quen retratou á súa avoa Alicia cunha máquina de coser, "porque lle gusta moito a costura". As rapazas explican que todas as imaxes están feitas co teléfono móbil, coa opción de retrato, e tendo en conta a luz. Nerea Vila escolleu ao seu avó Cunino (Secundino), "que se emocionou moito mentres me contaba a súa vida". Todas coinciden en que non é un traballo calquera ("foi máis íntimo, máis persoal") e que lles gusta a fotografía máis como hobby que como profesión.

Nerea Vila e Ana Remiseiro. DP
Nerea Vila e Ana Remiseiro. DP

NEREA E ANA HOMENAXEAN A CUNINO E A ALICIA

Nerea Vila chegou a emocionarse falando do seu avó Cunino, que amosa na imaxe, orgulloso, a súa colección de ferramentas de traballo, mentres Ana Remiseiro retratou á súa avoa Alicia utilizando a súa máquina de coser.

Sofía García. DP
Sofía García. DP

PEPE E LOLA A TRAVÉS DA OLLADA DA SÚA NETA SOFÍA

"Desde que se xubilou, meu avó Pepe non se separa do seu can Chispi", conta Sofía García, que non dubidou en retratalos xuntos. Na outra imaxe aparece el coa súa netiña de dous meses no colo e a avoa Lola calcetando para a pequena.

O estudantado admitiu que foi un traballo "máis especial, máis emotivo" ao permitirlle conectar cos seus avós e avoas

Para Gadea Bravo, de 1º de Bacharelato, este traballo permitiulle "conectar más con mi abuela Maripaz, que me contara cosas que no sabía sobre ella". Para a fotografía posou coas súas orquídeas, que agochan unha bonita historia de amizade. "Aínda que miña me contou varias historias, retrateina xunto a unha estantería coas fotos dos seus netos, un lugar moi especial para ela", explica Lucía Leiro, a neta de Julia.

Óscar Castro retratou aos seus avós María e José, que foran mariscadores. "Me trajo muchos recuerdos de cuando era pequeño". O seu compañeiro César Outón, de Tenorio, fixo protagonistas a María e José Luis, quen lle contaron historias dos seus tempos entre leiras e gando. A finca é tamén o lugar favorito de Celia, a avoa marinense de Antía Iglesias. "Que lle fixera as fotos alí resultoulle moi divertido".

"A ARTE TEN IMPACTO NO SEU CONTORNO"
Fotografía en curso é un proxecto "bastante transversal" que implica a alumnado de 3º e 4º de ESO de de 1º e 2º do Bacharelato de Artes, así como aos departamentos de Debuxo, Inglés e Xeografía e Historia. Coordinado por Padrón, conta coas docentes María Bravo, Carmen Hermo e Paula Mariño,

Durante o curso xa teñen montado exposicións con fotografías tomadas desde as fiestras ou de espazos baleiros, como nos contornos do Gafos e O Gorgullón.

"Queremos que se impliquen nestes traballos, saíndo da aula, e que vexan que a arte é fundamental, que ten impacto no seu contorno familiar e de cidade", explica Bravo. Padrón engade que tamén é necesario que gocen de ver o seu traballo exposto e da importancia de compartir o seu punto de vista».