O Servizo de Dixestivo do CHUP participa nun estudo sobre hepatite autoinmune

Esta patoloxía, considerada rara, ten unha inicidencia alta na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, con 80 pacientes en seguimento
La doctora Indhira Pérez Medrano. DP
photo_camera La doctora Indhira Pérez Medrano. DP

O servizo de aparello dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra vén de participar nun estudo sobre hepatite autoinmune publicado na prestixiosa revista científica internacional Hepatology. A doutora Indhira Pérez Medrano, hepatóloga do Servizo de Dixestivo do Complexo pontevedrés asociada ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, é a terceira asinante deste estudo que esclarece a mellor abordaxe ante o brote inicial desta hepatite. Este traballo, no que participan centros de toda España, publicouse en versión dixital tras unha revisión exhaustiva de preto de dous anos.

A hepatite autoimune é unha patoloxía que cursa con brotes que son controlados habitualmente mediante corticoides e tratamento inmunosupresor. Ata o de agora, as guías oficiais europeas recomendaban a budesonida coma alternativa en primeira liña á prednisona, sendo este último medicamento o máis utilizado tradicionalmente. A publicación deste estudo amosa que, mentres que o tratamento tradicional presenta máis efectos secundarios, a súa alternativa é menos eficaz pero máis segura, unha información de alto valor para poder indicar o tratamento máis adecuado segundo o perfil do paciente.

Coa revisión de casos na nosa área sanitaria, agora temos mellores datos para establecer o perfil clínico idóneo para esta liña de tratamento

Segundo sinala a doutora Indhira Pérez Medrano, "a través da revisión sistemática de casos na nosa Área Sanitaria tratados cun e outro corticoide, agora temos mellores datos para establecer o perfil clínico idóneo para esta liña de tratamento". Dita conclusión chega tras unha exhaustiva revisión de casos clínicos na que o Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés foi un dos principais achegando datos de pacientes. "Colaboramos con grandes centros de toda España, é todo un orgullo para nós, especialmente neste ámbito, xa que non hai moitos estudos sobre o uso da budesonida na práctica clínica habitual ", conclúe a doutora. 

A hepatite autoimune, clasificada dentro do grupo das enfermidades raras, ten unha incidencia alta na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, na que hai rexistrados 80 pacientes en seguimento. Desde hai anos, o servizo de aparello dixestivo en Pontevedra colabora con centros de toda España no rexistro e busca activa de hepatite autoinmune e colanxite biliar primaria, doenzas hepáticas crónicas de orixe autoinmune cuxa causa non é aínda clara. A publicación deste estudo supón un novo paso para mellorar o tratamento das persoas afectadas por esta enfermidade, para a que non se coñece cura.

Comentarios