Sesión de 'perruquería' para as palmeiras e as árbores senlleiras dos Xardíns de Vicenti

Os traballos de poda darán comezo "de xeito inminente"
Sesión de poda de palmeiras en Pontevedra. CONCELLO
photo_camera Sesión de poda de palmeiras en Pontevedra. CONCELLO

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural prepárase para executar traballos de poda e posta a punto nas palmeiras dos Xardíns de Vincenti, o contorno de Vila Pilar e a Praza de España.

O departamento que dirixe Iván Puentes destinou uns 10.000 euros a esta sesión de 'perruquería', que levará a cabo a firma do enxeñeiro técnico forestal e especialista en arboricultura Eduardo Penedo Padín.

Segundo indica Puentes, os traballos de poda darán comezo "de xeito inminente" e levaranse a cabo nunha trintena de palmeiras, "empregando un camión-guindastre dotado dun cesto para operar en altura".

Ademais de cortar as pólas das dúas liñas de exemplares que presiden o paseo principal do parque das Palmeiras, as actuacións estenderanse á agrupación de washingtonias emprazada nas inmediacións de Vila Pilar e a outra illada na Praza de España.

A intervención tamén contempla a poda dun tilo de gran porte e a revisión e substitución dos sistemas de ancoraxe desta e doutras árbores senlleiras situadas nos Xardíns de Vincenti.

Comentarios