César Portela, Premio Pontevedrés de Honra

"Sígoo pasando moi ben con este oficio"

"As modas someten e escravizan. As vangardas liberan". Por iso César Portela procurou manterse á marxe das primeiras e se preocupou por enmarcarse nas segundas. Con máis de medio século de traxectoria ás costas, o arquitecto, que recibirá o xoves 17 de outubro o Premio Pontevedrés de Honra, segue namorado da súa profesión
César Portela, arquitecto. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera César Portela, arquitecto. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

PREMIO NACIONAL de Arquitectura en 1999 polo traballo que realizou na Estación de Autobuses de Córdoba, César Portela (Pontevedra, 1937) fixo da integridade un dos valores centrais da súa traxectoria vital e profesional. Autor de obras como a Facultade de Belas Artes, o edificio de Afundación ou o Mercado de Abastos en Pontevedra, o Museo do Mar de Galicia, o Cemiterio de Fisterra ou da ampliación do aeroporto de Vigo, entre ducias de traballos ciscados por todo o mundo, Portela, home de pensamento crítico e agudo, afirma que lle gustaría que a súa obra se identifícase cunha arquitectura de vangarda que bebe da tradición. Os Premios Pontevedreses, de Diario de Pontevedra, recoñecen este ano o conxunto da súa traxectoria.

Como recibe este premio?

A verdade é que con emoción, porque é un recoñecemento. Aínda que a min me gusta sentilo, máis que como recoñecemento, como estímulo para seguir facéndoo o mellor posible.

Que a súa denominación sexa 'Pontevedrés de honra' faille especial ilusión? Séntese, por enriba doutras cousas, pontevedrés?

Si, si que me fai especial ilusión que se chame así. Eu son de aquí.

Hai quen considera que nacer nun sitio ou noutro é unha cuestión de azar e hai quen ten moi a gala a súa procedencia.

Mira, eu, cando rematei a carreira, elexín virme para Pontevedra. Non foi unha decisión sinxela. Custoume tomala. Pasei tres días paseando pola Casa de Campo de Madrid e pensando que facer. Tiña unha oferta moi boa dun arquitecto fantástico co que xa estaba traballando, Fernando Higueras. Ofreceume quedar como socio no seu estudio. Era un agasallo. Pero finalmente, despois de pensalo moito, díxenlle que non. A min gustábame Pontevedra.

Nunca se arrepentiu?

En certa medida si, pero compensáronmo as satisfaccións que me brindou estar en Pontevedra, estar na casa, estar coa familia, estar cos amigos de toda a vida e pasear por sitios que coñezo dende que era un neno... Son todas cousas moi importantes para min. Dou por ben empregado o tempo que pasei en Pontevedra. Sobre todo, no aspecto persoal. No profesional recoñezo que é máis difícil valorar se aquela foi a mellor decisión.

Pontevedra é unha cidade na que se pode ser profeta? Vostede séntese recoñecido na súa terra?

Non é tanto a cidade como a xente. Imaxino que como en todas partes. Hai xente que si que te recoñece e xente que non. Pero non penses que a min me importa tanto que me recoñezan senón por que me recoñecen. Quero dicir que, ás veces, os recoñecementos recíbense por motivos que non son sólidos. Hai xente que se sabe facer moi ben publicidade. A min interésame moito máis estar conforme comigo mesmo, ser consecuente co que penso.

A integridade.

Exactamente. Neste sentido para min son fundamentais os amigos de verdade, os que chaman ás cousas polo seu nome. A súa opinión e o seu recoñecemento si que son moi importantes para min. Que eles che digan que a túa é unha traxectoria limpa, exemplar, cando sabes que son persoas que non o din por dicir, para min é o maior premio, o que máis me importa.

Unha traxectoria limpa e exemplar é un dos valores que lle gustaría que recoñecese este premio?

Si. Sobre todo nun sector como o meu, un sector que, como todos os que manexan cartos, son moi tentadores para os corruptos. Non ter caído nas súas mans é do que estou máis orgulloso. A pesar de que se teña que pagar por iso. Porque todo ten un prezo. Non dicir amén a certas cousas cando cho está pedindo alguén poderoso económica ou politicamente. Pero é un prezo barato. Porque iso de poder erguerse todos os días e, cando te afeitas, mirarte no espello sen avergoñarte, iso non se paga.

Hai temas que me tería gustado que saísen mellor, pero non me arrepinto de nada

Que prezo se paga por non entrar no xogo dos corruptos: que deixen de chamarte, que te despracen...?

Efectivamente. Para que van a encargarche unha cousa sabendo que ti vas estar poñendo problemas e outro vai aceptar todo o que lle propoñan ou, polo menos, lles vai poñer as cousas fáciles?

En máis de medio século de traxectoria profesional, hai algunha cousa que hoxe non tería feito?

Levo feito moitas cousas... Hai temas que che tería gustado que saísen mellor. Pero arrepentirme non me arrepinto de ningunha. O que vin que me preocupaba ata o extremo de dubidar do traballo, deixeino. Como o proxecto de reurbanización de Tafisa, por exemplo.

Os pilares da súa arquitectura seguen a ser os mesmos que cando comezou ou foi algo que foi evolucionando co tempo?

Coido que os pilares, máis complexos quizais, máis perfeccionados, froito dunha maior experiencia, seguen a ser os mesmos.

E cales son?

Eu entendo a arquitectura como un servizo. Evidentemente hai profesións moito máis importantes. A medicina, por suposto, porque a primeira casa que un ten é o seu propio corpo. Se iso non está ben, todo o demais falla. A medicina meréceme moitísimo respecto. Pero a arquitectura é tamén un servizo fundamental. Porque, despois do propio corpo, un o que habita é unha casa, a súa casa. A maior parte da vida pásala entre habitacións da túa casa, as prazas da túa vila e o edificio no que traballas. Que todo iso se axuste ás necesidades do ser humano, que sexa cómodo e confortable, é fundamental na nosa existencia. Condiciona a nosa vida.

O espazo que habitamos axuda a conformar a nosa identidade.

Exacto. É obvio que non é a mesma experiencia a dalguén que está paseando pola Praza da Ferrería que a dalguén que está na cadea.

A súa obra mantívose fi el a unha serie de constantes e permaneceu allea ás modas. Fíxoo así de xeito consciente?

Claro que si. É que eu penso que as modas son pasaxeiras. A min gústame pensar que o meu traballo se apoia na arquitectura tradicional, en todas as leccións que nos dá, que son moitas e sólidas, pero adaptado á actualidade no que se refire a materiais e a concepto. É dicir, a min gustaríame que se considerase a miña arquitectura vangardista. As modas pasan. Están feitas para pasar. Ademais, as modas someten e escravizan. Mentres as vangardas liberan.

Temos a sorte de vivir nun paraíso e non sabemos valoralo. Non recoñecer que isto é un tesouro é unha desgraza

Hai uns poucos días o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia festexou o Día Mundial da Arquitectura (primeiro luns de outubro) chamando a atención sobre a necesidade de proporcionarlle á poboación vivenda digna.

Isto é importantísimo. Estamos falando de dignidade e de decencia. Se ti tes unha familia grande, necesitarás unha casa con varios cuartos. E se es unha persoa soa, habitarás un espazo máis pequeno. Todo debe darse na súa xusta proporción. As persoas debemos habitar espazos confortables e cómodos, pero adecuados ao que necesitamos, nin unha cota máis. É malo que che falte, pero tamén é malo que che sobre. Se vives nunha casa con cinco dormitorios e tres cuartos de baño, necesitarás tres persoas de servizo ou vivirás como un esclavo. E se precisas dese persoal de servizo, a casa deixou de ser a túa casa. A vivenda debe estar axustada ás necesidades individuais.

Os seus colegas reivindicaron a vivenda digna. Vostede que reivindicaría?

Eu penso que a vivenda é moi importante, pero que tamén o é o espazo público. Ter unha casa fermosísima nun sitio horrible non serve de nada. Máis vale, en todo caso, ter unha casa menos bonita nun sitio decente. Todo é importante: onde está a casa, como se chega a ela, que ves cando abres unha fi estra... Non é o mesmo abrila e ver o mar, que abrila e ver unhas chemineas botando fume aí na ría.

Cales diría que son os problemas máis graves da arquitectura en Galicia?

Galicia ten moitos problemas. Precisamente por ser un país tan favorecido pola natureza, con tanta riqueza nese sentido, ese país dos mil ríos que dicía Cunqueiro con tanta razón, habería que poñer o foco na conservación do territorio. A costa galega era marabillosa. Ata que se comezou a destruír. Sabes iso que se soe dicir de que Galicia é fermosísima e que o que sobran son os galegos? Efectivamente somos nós os que estamos estragando Galicia. Temos a sorte de vivir nun paraíso e non somos quen de valoralo. Apenas se pode mover un sen atopar casas a medio facer, sen pintar, desproporcionadas... Non recoñecer este tesouro que temos é unha desgraza.

Á miña irmá, que pasa os veráns en Areas, só a vou visitar de noite. Porque facer de día ese camiño é doloroso. Eu coñecín esa paisaxe de neno e gárdoa perfectamente na memoria. O destrozo que se fi xo ata a Toxa é terrible. Non podo con iso. Prefi - ro non velo. Nese sentido son moi pesimista cara o camiño que toma o mundo en xeral. Tamén me doe ver en que se están a converter cidades como Venecia, Barcelona ou París, que tanto amei e admirei. Hoxe son escaparates para gando turístico. A expulsión dos veciños dos centros das cidades por estes motivos resúltame insoportable.

Pontevedra segue tendo moitos problemas. Un Plan de Ordenación pode  trasarse dous anos, pero non 20

Sempre se mostrou moi crítico co modelo urbano de Pontevedra. A pesar da cantidade de recoñecementos que colleitou, ségueo sendo?

Sígoo sendo. Pero non critico o modelo de mobilidade. Son crítico con cuestións como que esta é unha cidade sen Plan de Ordenación, algo que se pode atrasar dous ou tres anos, pero non 20. O Plan de Ordenación dunha cidade é fundamental. Que non exista é unha vergoña. Outra cousa: execútanse unha serie de obras sen ter en conta as condicións de Pontevedra. Só hai que ver que, cando chove, a cidade toda é unha fochanca. A Praza da Peregrina cando caen dúas gotas está chea de auga. Non se entende iso e non se entende que a cidade siga sen atender de xeito preferente o río e a ría. O peirao da Moureira é un aparcadoiro. Ninguén podería crer algo así. O punto no que a cidade se mete na ría, ese observatorio privilexiado, está ocupado por coches. Xa non digo nada deses condutos eléctricos que cruzan por calquera lado, sen orde nin concerto, porque estamos tan acostumados a telos aí que nin os vemos. Nin dese lento vaciado de veciños do centro histórico, sen que se aprece ningunha actuación para evitalo. E sempre me queixei e me queixarei de que se fala moito de Pontevedra reducíndoa ao centro, cando a cidade é moito máis, aínda que haxa barrios e rúas abandonados, con urbanizacións que dan medo.

Reurbanizar A Moureira foi un proxecto que presentou, nas últimas eleccións, un partido que vostede apoiou, Marea Pontevedra...

Non exactamente. Eu o que fago é asesorar a calquera que me pida opinión ou consello. Porque quero moito a esta cidade. Fíxeno para eles e fíxeno para outros. Calquera que mo pida de novo, contará comigo.

Está vostede decepcionado cos políticos?

Como a maioría dos cidadáns, me temo. A xente en xeral está decepcionada. E penso que con razón. Cando a política, en realidade, é unha profesión encomiable. Os políticos xogan coa vida de moita xente, pero hainos que só se meten niso para aproveitarse.

Falando de actuacións concretas, que lle parece ese anunciado intento de destapar o río Gafos ao seu paso por Campolongo? Cre que é realizable e poderá quedar ben?

Haberá que ver que se vai facer e como se vai facer. Pero hai algo incontestable: o río do Gafos non se tería que ter cuberto nunca. Canalizar un río, convertelo nun sumidoiro, paréceme un pecado. A priori, recuperar o río sería unha sorte. Igual que se gastaron moitos cartos para tapalo sen oposición que o impedira, que se gasten agora para intentar descubrilo como sexa. É o xusto.

Gustaríame facer aínda moitas cousas, pero un non dá abasto. Se fose rico, pagaría por facer proxectos no canto de cobrar

Non ten WhatsApp. Tampouco Facebook nin Twitter. Non lle gustan as redes sociais?

A tecnoloxía é algo marabilloso, que nos axudou en moitos aspectos. Pero nada sae gratis nesta vida. Hai que ter coidado. Se te metes niso, pagas un prezo: o control das grandes multinacionais, dos gobernos, etc. Por outra banda, esas novas formas de comunicación ocupan moito tempo e eliminaron moitas outras formas de contacto directo, que eu persoalmente prefiro. Así que, polo de agora, mantéñome á marxe.

En que momento diría que está agora mesmo? Hai algún reto que teña pendente?

Gustaríame facer aínda moitas cousas, pero un non dá abasto. Acabo de rematar a ampliación e remodelación do aeroporto de Palma de Mallorca. E a estación intermodal da Coruña, un traballo moi fermoso ao que lle adiquei moito tempo. Sempre me involucro moito no que fago. E sígoo pasando moi ben con este ofi cio. Se fose rico, pagaría por facer os proxectos, no canto de cobrar. Pero como vivo disto...

"Elixe facer algo que che guste e non terás que traballar nin un día da túa vida".

Iso é. Para min, a arquitectura non é un traballo, é un goce, unha diversión. Sígoo pasando moi ben con ela.

Comentarios