Lunes. 20.05.2019 |
El tiempo
Lunes. 20.05.2019
El tiempo

Silva aposta por visualizar o papel das mulleres no mundo empresarial

Reunión celebrada no Pazo Provincial
Reunión celebrada no Pazo Provincial
A asociación Empresarias de Galicia, fundada este ano, optará ás axudas da área de Igualdade da Deputación en 2017

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo o luns unha reunión de traballo coa asociación Empresarias de Galicia, coa fin de establecer liñas de colaboración para "visualizar a situación da muller no ámbito profesional da empresa".

Silva destacou o importante papel da asociación "para poñer en valor o labor das mulleres no campo empresarial, do emprendemento, das pemes, co fin de que a sociedade tome conciencia de cantas mulleres están a impulsar proxectos que xeran actividade económica e emprego". Neste eido, a presidenta manifestou que "no noso país a porcentaxe maioritaria de persoas emprendedoras correspóndese con mulleres". A asociación Empresarias de Galicia ten por finalidade converterse na canle de participación para o deseño de políticas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero e discriminación, así como impulsar redes de apoio que permitan que as mulleres continúen medrando persoal e profesionalmente.

Silva: "no noso país a porcentaxe maioritaria de persoas emprendedoras correspóndese con mulleres"

Dado que a asociación naceu este mesmo ano, a presidenta da Deputación adiantou que en 2017 poderá optar ás axudas que se están a impulsar desde a área de Igualdade da institución, xa que "queremos que a Deputación de Pontevedra se converta nunha institución referente ó lado das mulleres, visualizando o seu papel na sociedade".


SENDEIRO AZUL. Por outra parte, Carmela Silva asinou co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, un convenio de colaboración para poñer en valor o Sendeiro Litoral da Guarda, un dos once sendeiros azuis recoñecidos este ano en Pontevedra, a provincia española con máis distintivos deste tipo.

Tras a sinatura, a presidenta salientou que, con esta iniciativa, Deputación e concellos "apostamos por poñer en valor os sendeiros azuis da nosa provincia porque somos conscientes que teñen un enorme poderío de atracción turística". Así mesmo, explicou que cada vez é maior o número de visitantes que "demandan espazos máis paisaxísticos, poder camiñar e queren ter actividades ligadas coa natureza". De aí a importancia de coidar e impulsar os espazos naturais con actuacións coma esta. "O sendeiro azul da Guarda une ademais dúas praias nun entorno de extraordinaria beleza medioambiental, unindo ademais río e océano nun espazo impresionante".

O organismo provincial e o Concello asinaron o convenio para poñer en valor o Sendeiro Litoral da Guarda

Lomba explicou que o Sendeiro Azul da Guarda une o areal de Area Grande coa praia fluvial do Muíño e tamén inclúe a Ruta das Cetáreas, "un sendeiro espectacular á beira do mar, moi transitado e moi visitado sobre todo agora nestes meses de verán, así que nos parece fantástica esta iniciativa da Deputación para poder facer melloras e darlle pulo".

Segundo o convenio asinado, as actuacións consisten na reposición e reparación de firme e en melloras na sinalización, cun orzamento global de 16.666,65 euros. A Deputación aporta o 80% e o Concello o 20% restante.

O acordo enmárcase nun plan conxunto de 183.000 euros. Xa se asinou con Ponte Caldelas, Nigrán e Baiona e nos vindeiros meses farase o propio con concellos como Cangas, Bueu, Marín, Vigo e a Illa de Arousa.

Silva aposta por visualizar o papel das mulleres no mundo empresarial
Comentarios