A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, remitiu unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que o insta de novo a convocar ás entidades locais para informar de como van trasladar aos entes locais os recursos extraordinarios que o Goberno central habilita para enfrontar o novo escenario xerado pola pandemia da covid-19.
No escrito, a presidenta lembra a Feijóo que, aínda que "nunca" respondeu as peticións anteriores, ante o escenario actual, considera "imprescindible" que se celebre este encontro, incorporando á mesma non só ao catro deputacións, senón tamén á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as sete grandes cidades de Galicia para abordar o recurso.
Na misiva, a dirixente socialista remarca que eses recursos van permitir que as administracións máis próximas a cidadanía poidan enfrontar aos investimentos derivados da pandemia, e lembra a Feijóo que outras comunidades xa se reuniron coas entidades locais.
A presidenta provincial lembra tamén que a Unión Europea (UE) xa aprobou ingresos extraordinarios para os Estados membros; que o Goberno de España tamén habilitou recursos para as Comunidades Autónomas; e que as propias deputacións aprobaron recursos para actuacións nos concellos, mesmo de competencias impropias derivadas de normas da Xunta de Galicia.
Con todo, di Silva, "a Xunta non puxo a disposición das entidades locais os recursos que necesitaban para garantir dereitos e servizos imprescindibles hoxe mais que nunca, polas novas necesidades derivadas da crise sanitaria".
"UN DEBER". Igualmente, a presidenta da Deputación de Pontevedra lembra na carta ao presidente da Xunta que "é un deber que cada Administración Pública faga fronte ás súas competencias e non se deriven ao mundo local".
Pero tamén é necesario, subliña, "que a colaboración e a coordinación veñan acompañadas de medios extraordinarios que a administración autonómica debe facer chegar a todos os concellos, no noso caso, da provincia de Pontevedra".
Por todo iso, anima ao presidente galego a "converter á cogobernanza" na ferramenta que permita que a cidadanía visualice ás administracións públicas como "a representación que responde as súas demandas".
"Aínda que os tempos son complicados e as medidas complexas, é imprescindible que traballemos xuntas e xuntos, e que unha parte dos recursos que a Xunta está a recibir do Goberno de España sexan trasladados a concellos e deputacións para poder facer fronte a esta pandemia", conclúe.