Silva impulsa en Enfermería dous seminarios sobre diversidade sexual e de xénero

Os cursos levaranse a cabo durante os meses de outubro e novembro

A Deputación de Pontevedra, presidida por Carmela Silva, pon en marcha, por segundo ano consecutivo, dúas accións formativas de sensibilización, Atención sanitaria transpositiva a menores con identidades sexuais non normativas e Módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades, na Escola de Enfermería durante os meses de outubro e novembro.

O primeiro seminario será impartido en outubro pola presidenta da Asociación Arelas, Cristina Palacios e abordará tres eixos fundamentais: as catro dimensións da diversidade sexual e de xénero (definición de conceptos e proceso de sexuación), a realidade dos menores trans, a unidade de referencia de atención a estes en Galicia e o modelo de boas prácticas na atención a persoas trans. Tamén se proxectará o documental Iso non se pregunta: Transexuais.

O segundo impartirao no mes de novembro a presidenta de Apaioga, Mercedes Renda. Serán tres temas principais: o sistema sexo-xénero, os roles e estereotipos, e, tamén, as violencias de xénero, o acoso e agresións sexuais e o ciberacoso.